Miriam Bermúdez: «A experiencia de goberno en Viveiro nestes 8 meses é complexa pero ilusionante»

Miguel Sande Corral
m. sande VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Miriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa de Viveiro, encara o mandato con ilusión pese ás moitas dificultades
Miriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa de Viveiro, encara o mandato con ilusión pese ás moitas dificultades xaime ramallal

«Levamos pouco tempo, dende agosto, pero temos todo no forno», di a tenenta de alcaldesa

31 mar 2024 . Actualizado a las 13:15 h.

Míriam Bermúdez, do BNG, ocupa a tenencia de alcaldía en Viveiro. É a súa primeira vez á fronte dun goberno compartido co PSOE.

— Que tal a experiencia de goberno nestes seis oito meses. É como se imaxinaba?

—Complexa pero ilusionante, coa oportunidade de conseguir mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños de Viveiro e neso estamos traballando. Levamos pouco tempo, dende agosto, mais temos todo no forno. Estamos traballando na elaboración dun Plan de Mobilidade, que diagnosticará posibles cambios e melloras na mobilidade en coche, bici e no transporte público, de feito ao mesmo tempo estamos en conversas con Autobuses Viveiro e a Consellería de Mobilidade para conectar Viveiro en Bus. Na mesma liña, a compañeira Iria Cotelo está elaborando un Plan de Accesbilidade e Ramón Martínez, continúa auditando os viais munipais para elaborar o Plan de Estradas. Son documentos imprescindibles, cos que non se conta, e que nos dirán en que punto estamos e a partir dos cales deseñaremos as accións para acadar as melloras necesarias, pois non se poden facer grandes cambios indo sobre a marcha e parcheando, un Concello debe ir de forma organizada, planificada e cun proxecto de futuro.

— Supoño que resultará máis difícil aínda polo feito de non contardes con presuposto?

— O BNG está facendo todo o posible para contar con orzamento, unha vez pactado co PSOE, levouse a pleno o orzamento deste ano 2024 no pleno de decembro do 2023, en tempo e forma para comezar a anualidade co orzamento aprobado. Non saíu adiante, non porque fose un mal orzamento, senón por exixencias de cumplimento do acordo entre PSOE e Por Viveiro. No BNG continuamos en conversas cuns e cos outros para que cheguen a un acordo o antes posible, pois non contar con orzamento obstaculiza que o concello vaia a mellor impedindo facer ningún tipo de inversión. Tampouco se poden pagar a asociacións que, aínda que a maior parte son deportivas e culturais e dependen das áreas do PSOE, no BNG tamén vemos afectadas as nosas como as asociacións de comerciantes. Ou coas obras, parques e xardíns, todos queremos ter o concello bonito e arranxado, mais sen aprobar o orzamento non podemos cubrir as prazas vacantes previstas na RPT de carpinteiro, pintor, albanel, entre outras. Son prazas que son necesarias para mellorar a calidade dos servizos que se nos demanda.

— Cales son os proxectos máis importantes das súas áreas nos que están a traballar?

— O máis importante, o que nos está levando máis tempo é o que non se ve, poñer orde e establecer criterios para facer máis eficiente o día a día dentro da casa do Concello. Neste primeiro trimestre do ano presentáronse 12 subvencións, que suporán unha axuda importante para sacar adiante proxectos como o do Parque Pernas Peón, devolverlle a vida, comezando por facelo accesible e mellorar a instalación da cantina para poder sacala a concesión. Estase a traballar tamén no proxecto de reforma integral da praza de abastos, dándolle os últimos retoques de cara a solicitar a subvención de Mercados Excelentes coa que agardamos financiar a reforma. A solicitude de subvencións é unha tarefa moi traballosa pois requiren de moito estudo para cumplir os requerimentos que impoñen, realizar os proxectos, conseguir a documentación necesaria e cos prazos marcando o tempo. Falamos de semanas de traballo coordinado entre diferentes persoas e é de agradecer a dedicación coa que o fan. Tamén estamos traballando na redacción de todas as ordenanzas pendentes como a de “Uso de viais para a saca de madeira”, a cal levamos traballando dende outubro e na que chegamos a un acordo co sector forestal, levarémola para a súa aprobación en breve. A de” Convivencia, Limpeza e Residuos” que ordenará entre outras moitas cousas a sanción pola non recollida de excrementos dos cans A de “Tenza de animais” e a de “Acceso a Praias”. Por poñernos en perspectiva da importancia destas, o censo de cans con chip en Viveiro é de 3.739, e o de nenos e nenas de 0 a 14 anos, 1.561. Con estes datos temos que tomar decisións. Aproveito para matizar que a praia de Seiramar, será de uso compartido, non canina. Temos que dar alternativa, pois en tempada de baño limítase o acceso aos areias de Covas e Area.

— Di que mellorar o día a día tamén é importante con cousas pequenas e prácticas.

— Dende logo. O exemplo máis clarificador é o traballo da Área de Medio Rural onde atendemos moitísimas peticións de cousas sinxelas; desbroces, baches, recollidas de pluviais... Estas son as necesidades máis demandadas nas reunións que fixemos por todas as parroquias entre novembro e xaneiro, e que repetiremos. As reparacións de luminarias tamén están no top de demandas, para a cal comezamos a elaborar un novo prego para contratar o servizo de enerxía a través dunha “ESE” (empresa de servizos enerxérticos), coa que se acometerá unha renovación de toda a instalación eléctrica do alumeado público, ao tempo que se suministra a enerxía. Exemplo é tamén contar con aseos públicos, polo que temos en funcionamento o do parque Pernas Peón, o do parque pequeno de Covas, o do Templete, o do hórreo de Xunqueira e en tempada estival, o de San Roque. Cousas do día a día como acometer todas as reparacións do que se desgasta ou do que se rompe intencionandamente así como todos os destrozos dos temporais, consumen unha parte importante do orzamento e dos recursos humanos do Concello, que pode que se valoren ou luzan pouco, pero son imprescindibles para contribuír ao confort e á calidade de vida.

 «A dirección do colexio ten moitos aspectos en común con estar no Goberno local»

A falta de servizo da Policía Local de Viveiro é un dos temas de actualidade agora no concello, dase unha situación untanto insólita, que nunca antes se dera, tampouco na provincia. Preguntámoslle tamén por este tema a Míriam Bermúdez.

— Non é competencia súa, das áreas do BNG, pero como ve a falla de Policía Local?

— É un asunto delicado, un conflicto laboral que se vén fraguando dende hai tempo e no que había que actuar. Estase desenvolvendo un proceso riguroso, por persoal cualificado. Confiamos que servirá para acadar a mellor solución.

— Está satisfeita no plano persoal con este paso dado entrando no goberno local?

— Sí, no fondo a dirección do colexio ten moitos aspectos comúns con estar no goberno, a organización, a toma de decisións, estar ao tanto da normativa, de convocatorias, o trato coas persoas...aínda que neste último, teño que decir que é máis “desafiante” estar no concello, son moitas as persoas que acuden enfadadas, con problemas que veñen de anos atrás e que nunca lles deron solución. Por outra banda, estamos en minoría, nun bipartido, non é unha situación fácil, mais estamos demostrando ter capacidade resolutiva e iniciativas, pero precisamos tempo para demostrar que as decisións e os proxectos que se están acometendo serven para mellorar Viveiro.

Míriam Bermúdez afronta con gañas esta nova etapa no cogoberno municipal de Viveiro, no que leva oito meses, unha etapa que non está a resultar fácil mentres non se aprobe o presuposto local porque teñen «o freo de man» posto para proxectos.