A Pedreira e o músico Alejandro Vargas deleitarán ó público o domingo 28 en Ribadeo cun concerto dedicado ó «Solsticio de inverno»
RIBADEO
Dará comezo ás 20.30 horas no auditorio Hernán Naval
27 dic 2025 . Actualizado a las 18:46 h.Este domingo, 28 de decembro, o Auditorio Hernán Naval de Ribadeo será escenario dun concerto moi especial, con dous artistas de primeira liña: A Pedreira e Alejandro Vargas. Coñecéronse na Habana cando el, pese á súa xuventude, era xa un pianista de jazz avalado e eloxiado polo Instituto das Artes de Cuba e o premio Cuba Disco. Ela daquela estaba en Marful e dirixía aCentral Folque. Actualmente comparten escenario na banda que creou Ugia para o seu álbum Basal.
Este decembro, Vargas e Pedreira están realizando concertos experimentais a dúo celebrando o solsticio de inverno. O primeiro tivo lugar en Ribadavia, e o segundo será este domingo en Ribadeo. Nel, cancións de Ugia «indagan en sonoridades novas como o lume novo». «Tamén rememorarán rituais do tizón de Natal, precristiá de varios pobos de Europa, tamén o galego, que encendía un tizón de carballo e mantiña o lume noite e día ou varios días. A cinza era estregada entre as hortas, os animais ou recunchos da casa para pedir abundancia e fertilidade no novo ano», destacan. Vargas e Pedreira queren celebrar este Natal rememorando o culto ó sol e á natureza. Acompañaranos en Ribadeo os Pandereteiros do Inferno e As Erikas e Peluxias.