Pichi, novo adestrador do Ribadeo FC: «Temos xogadores cunha traxectoria importante, pero tamén os rivais»

RIBADEO

PEPA LOSADA

O técnico confirma a fichaxe do capitán Isma, tras un tempo inactivo, e gava o compromiso dun equipo chamado a remontar postos en Preferente desde a solidez

16 feb 2024 . Actualizado a las 21:36 h.

Tras un único adestramento, José Antonio Quelle Cuadrado, Pichi (Xove, 1976), reencontrou ao Ribadeo coa vitoria cun 4-0 ao San Tirso. Tras poder traballar dúas semanas máis cos seus novos pupilos, este domingo visitarán ao Miño (17 horas) co obxectivo de aumentar os sete puntos de vantaxe sobre o descenso dende a solidez. 

—Que sensacións ten tras coller o equipo?

—Estou moi contento polo compromiso que se ve nos adestramentos. O plantel é curto, pero imos recuperando efectivos, e o máis importante é que hai unha gran predisposición a traballar para saír da zona complicada.

—Encaixaban moito. Deixar a porta a cero será a súa prioridade?

—Son partidario de que todos nos debemos axudar, ser solidarios para conseguir firmeza defensiva porque despois isto é unha cadea. Se non encaixamos, os xogadores de arriba tamén van xogar con máis confianza, sen ansiedade por marcar moitos goles. Creo que hai calidade ofensiva para gañar moitos partidos se somos seguros en defensa. Logo cada partido é un mundo, esta é unha categoría dura e deixar a porta a cero é moi complicado.

—Moitos agardaban ver máis arriba ao Ribadeo.

—Non creo nesas conxecturas. Esta é unha categoría esixente, na que todos os equipos traballan, están ben fisicamente e preparados. É certo que temos xogadores cunha traxectoria importante, pero se ves os nosos rivais, todos teñen nomes destacados da zona de Santiago, Ferrol, A Coruña... Só penso en que temos que traballar moito para poñer a calidade individual ao servizo do colectivo.

«Foise Manu por asuntos laborais e regresa Isma, pero será complicado fichar máis»

Consciente das dificultades do mercado, Pichi non renuncia a reforzar o seu plantel. Manu Rodríguez, case indiscutible ata agora no lateral zurdo, marchou por asuntos laborais, pero fichou para a mesma posición ao capitán Isma Barreira, que deixara o fútbol o pasado verán.

—Buscan fichaxes?

—É certo que temos un pouco coxa a defensa e as posicións de banda. Ademais, perdemos a Manu Rodríguez por asuntos laborais. Puidemos fichar a Isma, que é un xogador importante que pasou moitos anos aquí e xa tiven no Valadouro, pero será complicado fichar máis a estas alturas da tempada. Imos recuperando xente, con Criss xa contaremos e, se nos respectan as lesións, agardo que o que temos sexa suficiente.

—Levaba un tempo sen adestrar, por que o convenceu o Ribadeo?

—Foi bastante sorpresivo que me chamaran e todo se resolveu moi rápido, en canto puiden concretar algúns asuntos laborais. Se te chama o Ribadeo, que é un club histórico na costa, para adestrar nunha categoría bonita como a Preferente, é difícil dicir que non se che gusta o fútbol. É un equipo importante que estivo hai pouco nunha categoría superior.

—O domingo visitan ao Miño.

—É un equipo que xa puiden ver en directo. Estamos preto deles na clasificación, pero é perigoso, moi intenso, rápido nas transicións e cunha boa base de xogadores da zona. Ademais xogan nun campo artificial, o que é unha dificultade engadida. Contra o San Tirso xa demostramos que podemos ser competitivos contra calquera, pero que marquemos nas dúas primeiras chegadas non vai ser algo que pase a miúdo, temos que estar preparados para contrarrestar as súas fortalezas, ser solidarios e comprometidos.