Luki, dianteiro do Ribadeo FC: «Estamos demostrando poder competir con calquera»

I.DÍAZ ROLLE RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

PEPA LOSADA

Luki analiza o derbi de colosos mariñáns que o Viveiro e o Ribadeo disputaron o pasado domingo en As Valgas (2-2). O sábado volverán medirse na Copa Deputación

25 dic 2019 . Actualizado a las 19:53 h.

O derbi de As Valgas foi o derbi de Luki. O extremo de Friol levou case todo o perigo do Ribadeo e estableceu o definitivo 2-2 no minuto 93.

-Meteu dous goles, tivo outro man a man, e xa no 95 ese disparo que detén Rubén. Seguro que no Viveiro algún tivo pesadelos con vostede...

-A verdade é que se deu un partido no que todo apuntaba a min. Sentinme cómodo e foi bonito meter eses dous goles. Outros días tócalles a outros compañeiros.

-Parécelle xusto o 2-2 final?

-Si porque foi unha parte para cada equipo. Na primeira parte estivemos mellor nós, a excepción da ocasión que tivo Álex Meitín, e na segunda parte dominaron máis eles.

-A pesar de todo o que se coñecen os equipos, na primeira parte puideron correr cómodos.

-Martín e Mario son moi bos. Estiveron moi ben, sobre todo no xogo aéreo e iso dános un plus. Ademais, os medios traballaron moitísimo, e iso deunos liberdade aos catro homes de arriba.

-Saen reforzados como candidatos a estar na zona alta tras o derbi?

-Iso amosan os resultados. Estamos demostrando que podemos competir con calquera. Pero non sei se saímos reforzados. Por como se deu a primeira parte, non, porque merecíamos máis. Pero por como se deu a segunda parte, na que o Viveiro non superou fisicamente e tivo o balón, si, saimos reforzados.

-É inalcanzable o Viveiro no cumio da clasificación?

-Eu penso que si. Son un equipo doutra categoría. Tanto física como tecnicamente están a un nivel altísimo.

-Pero téñenlle tomada a medida.

-É certo que sempre lles competimos ben, pero son un verdadeiro equipazo.

-Este Ribadeo non parece notar o exilio polas obras do Pepe Barrera.

-Traballamos para estar arriba e estamos mellorando todos os nosos números con respecto ao ano pasado. Rafa (Casanova) sempre nos fixa ese obxectivo de mellorar, e desde que estou aquí sempre imos indo a máis.

-Tamén vostede. Xa igualou os sete goles do curso pasado. A cantos chegará?

-Sempre me intento superar, pero o importante é o equipo. Hai días que se axuda máis sen sequera marcar.