O domingo pasado fun ata Mondoñedo xantar un capón. Ao subir por Abadín, a chuvia comezou a volverse espesa coma un caldo ao se facer auganeve. Poucos metros máis arriba, tornou en neve e ao avanzar un pouco máis, os cumios das dondas montañas ao norte da Terra Cha fóronse vestindo de branco coma se un nubeiro pasara unha brocha gorda en tempo real. No noso moderado clima atlántico, a meteoroloxía poucas veces dá a oportunidade de pasar de visible a invisible, e algo tan sinxelo como a mudanza da cor do mundo alegrounos o corazón.
Sempre me gustou recibir a alegría coa que nos agasallan os cambios de estación. A primeira luz dourada e as follas caídas do outono, o primeiro temporal do inverno que nos fai gozar mellor das lecturas da casa, esta nevarada que adormece o mundo, o primeiro gromo que ves na árbore e a primeira mañá na que se sente a primavera, a primeira vez que o sol quenta o corpo traspasando a pel alá por finais de xuño.
Se cadra, o que nos fai humanos é amar a innovación, a aventura e a descuberta, e ao tempo reconfortarnos con momentos nos que a través do ciclo e o retorno, volvemos sentirnos seguros no calendario. Supoño que iso é —ou debera ser— a tradición. Unha especie de Ítaca á que retornar de cando en vez, tanto para gozar do pracer da viaxe de retorno coma do refuxio que nos dá o familiar, do que entre todos coidamos para non perder.
O Nadal debera ser tamén así: fermoso, acalmador, súpeto e efémero como a neve nas montañas de Galicia. Bo Nadal, amigos e amigas