A augardente acompañou ao galego máis do que hoxe o acompaña, que os tempos e as costumes mudaron e xa nin se bebe coa parva matutina nin nas sobremesas. Ou polo menos non se bebe coa profusión que se facía décadas atrás, que semellaba que a sede deste espirituoso foi grande durante moito tempo. A augardente, como tantas outras cousas do comer e do beber, nacionalizouse galega en tempo recente, que antes, polo que contan os historiadores na materia, bebíase de importación, procedente moita dela de Cataluña.
Con este alcohol, e coas diversas cañas que circularon e circulan polo país, o xenio galego deu lugar a mesturas tan salientables coma o licor café, a augardente de herbas ou o licor de guindas, ben coñecidos de todos.
E a outros non tan famosos, como son a anxélica, froito de lavar con augardente os bagazos resultantes da elaboración do famoso viño tostados. Ou o xastrés, que evoca o nome do monástico licor de herbas francés. O Eucaliptine naceu en Oseira cando os monxes tiveron que deixar de empregar unha marca tamén francesa para o seu licor, e polas terras do Val Miñor é común a fabricación do licor de coentro, receita que imaxino importada de calquera parte do mundo.
En Galicia tamén se elaboran, ou elaboraron, delicias como a augardente de mirabel, que é resultado da maceración e destilación desta froita orixinaria da Selva Negra. E ata ase fai, ou fixo, augardente de castañas que unicamente se vendía en Xapón co xaponés nome de Kouri Sochu.
Pero o caso máis salientable é o do resolio. O licor galego máis citado en xornais e literatura do século XIX e do que xa non gardamos nin recordo sequera.
O máis estraño, pola conta, non é o licor de estrugas, ou de soro de leite, que de todo se fai neste país, senón a augardente de algas.
Estraño e imaxinario, xa que, salvo que alguén aporte probas en botella de que tal augardente existe de feito, saíu do maxín de Cunqueiro: «Las gaviotas hacen en Bornelo aguardiente de algas y se lo venden a los mascatos a cambio de algún pez de buenas grasas: un congrio o un rodaballo» escribe cando fala do «Chigre del Lorito» na súa inacabada historia das tabernas galegas.
www.cunqueiro.es