Queridos Reis Magos da Xunta:
Queremos trasladarvos, un ano máis, a nosa fonda preocupación pola situación do peirao de Porto Chico ante a chegada dun novo inverno.
Porto Chico atópase nunha situación claramente ruinosa; sen calado suficiente nin sequera para pequenas chalanas, con pantaláns de atraque deportivo en moi mal estado, que non ofrecen ningunha seguridade, cun peirao que non proporciona abrigo e no que se producen fortes marexadas incluso dentro do propio porto en episodios de temporal. O perigo é real e tememos seriamente que, de continuar así, poida producirse nalgún momento un accidente persoal.
A esta realidade súmase unha alta demanda de prazas de atraque para embarcacións deportivas en Foz, con listas de agarda permanentes, mentres o potencial portuario do concello segue completamente desaproveitado.
Non entendemos, queridos Reis, como se continúa ignorando esta situación nun municipio que é un dos epicentros turísticos de Galicia.
Por iso, este ano, unha vez máis, pedímosvos algo moi concreto;
Que fagades realidade os proxectos e estudos que xa redactaron os técnicos especializados hai un par de anos para o peirao galego de Porto Chico, en Foz, garantindo a seguridade das persoas e das embarcacións e dotando ao concello dunha infraestrutura portuaria acorde ás súas necesidades reais.