—E que nos pode contar de como se vai tratar esa materia?
—Unha vez que chegue aí, o resumo sería dicir que se vai crear abono. Sería como se fai nos propios composteiros. Mesturaranse os residuos orgánicos con materia verde para crear ese sustento necesario para que haxa a fermentación. E o que haberá que coidar nesa planta serán todos os lixiviados e olores que se podan producir. Pero o final o destino será a produción de compost e de abono. A construción vaise empezar agora e a previsión da Xunta é que estea lista neste ano. Iso quere dicir que os concellos que imos derivar residuos á planta temos que empezar a traballar xa en concienciar aos nosos veciños porque os residuos teñen que ir da forma máis correcta para que non se estrague a produción.
«Agora hai que contarlle aos veciños que chega ese quinto contedor»
Galicia alcanzará o 2023 cos deberes feitos. «Estamos no camiño e creo que a Xunta está a xestionar este asunto con acerto». Porque, antes de que remate ese ano, España deberá cumprir coa normativa europea que obriga a ter en funcionamento un sistema de valorización dos biorresiduos domésticos e, no caso da nosa comunidade, «estamos adiantándonos máis dun ano. É unha antelación suficiente». Agora, tócalle os concellos —engade— «dar ese paso e facelo desde a unión. Xa estamos coa construción das infraestruturas e agora hai que contarlle aos veciños que chega ese quinto contedor» porque «o éxito deste programa» dependerá, non só da anticipación, senón de que se faga «ben».