«Estea onde estea, a primeira palabra que vou soltar pola boca é que son de Burela»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BURELA / LA VOZ

BURELA

Manolo Maseda no monolito do Cabo Burela
Manolo Maseda no monolito do Cabo Burela Mariña Maseda

Manolo Maseda, mestre e músico, dará este sábado 25 o pregón das festas patronais burelenses, un pregón moi musical no que haberá sorpresas

24 may 2024 . Actualizado a las 22:55 h.

Este venres estréase o alumeado festivo e arrancan as patronais de Burela. Ás 21 horas haberá misa e procesión, acompañada por Dambara, desde a igrexa da Vila do Medio ata a parroquial. Será horas antes de que este sábado 25, o mestre e músico Manolo Maseda Deán (Burela, 1975) sorprenda co seu pregón no auditorio da Casa da Cultura (20 horas).

Maseda reside en Santiago e imparte clase de música no IES do Milladoiro, pero viaxa coas fillas —é pai de duas pícaras— con moita frecuencia a Burela, para ulir, ollar e tocar o mar: «Miña nai é o noso faro e temos que ir repoñer enerxía. Ir a Burela é como un ritual; o primeiro que faigo cando chego é baixar ao muelle». Porque el cre que na atración, na forza telúrica do mar, «ese salitre que está presente e que temos que consumir».

—Que sinte ao ser o pregoeiro da terra na que naceu?

—Bastante compromiso. Teño a sorte de ter estado en palcos, intervir con xente e gústame falar, pero non lle vou negar que esta vez estou un poco nervioso.

—Intimídao a situación?

—Esa non é a palabra. O que me fai sentir é corresponsabilidade. É unha maneira de devolverlle a Burela todo o que me ten agasallado, con catro contos, facerlle rir á xente... Para min é unha forma de facer unha retrospectiva.

—Naceu en Burela, residiu na Costa da Morte, vive en Santiago... Como ve a evolución de Burela?

—Estouna vendo volvendo a vista atrás, sobre todo á época na que vivín os anos máis intensos, na adolescencia, cando somos máis efervescentes... O que pasou en Burela é unha burrada, é histórico. Ver aquelas rúas cheas de xente na movida dos sábados ou lembrar como o muelle era un fervedoiro constante de xente, como o Miranda estaba aberto as 24 horas... Non concibo a vida sen música e estar no bar Avenida escoitando rock and roll con 15 anos e poder ao mesmo tempo ir ás festas de Burela escoitar a Barricada, pois... Toda aquela época foi súper emocionante.

—Ademais, tivo algunha época con moita máis actividade. Se non erra a hemeroteca, no 2007, con Roberto Grandal, estreou o himno do Burela FS, e ese ano tamén dirixiu un documental para acercar Galicia á realidade da emigración de Cabo Verde...

—O tema de Burela foi, por un lado, esa infancia marcada pola emigración, tamén interna. Moita xente de Burela viña de fóra. Miña nai viña de Moucide e meu pai de Rúa, e na Calle do Can todos os que estábamos vivindo alí eran de Penas Agudas, de Xove, da Rigueira... Era unha emigración interna nos anos sesenta, cando Burela empezou a medrar e a precisar man de obra. Porque moitos dos mariñeiros que ían ao mar quero lembrar que non eran todos nacidos en Burela, incluso algún non sabía nadar. Esa relación da que falaba no documental de mar e terra en Cabo Verde tamén é extrapolable a Galicia. Burela, para min, é un punto neurálxico no que conflúe a terra e o mar, por eso nos chaman pataqueiros.

—Leva Burela por bandeira...

—Renegar das orixes sería un atraso. Estea onde estea, nun palco, nunha escola, nun foro público no que teña a sorte de poder falar..., a primeira palabra que vou soltar pola boca é que son de Burela. É unha maneira tamén de andar polo mundo.

—Pídolle unha análise de situación. Fáltalle algo a Burela?

—Desde a perspectiva da reflexión entendo que a sociedade mudou moítisimo. Estamos nunha sociedade moito máis líquida. O tema do asociacionismo foi un dos músculos máis importantes que sempre tivo Burela. Lembro a miña infancia rodeada de estímulos culturais que viñan ben de Buril, de Ledicia... [...] Co paso dos anos vas medrando e colles esa forma de entender unha vila, na que te implicas ou non. E tamén está aí a Festa da Marosa. Cando a construimos entre rapaces e rapazas, botamos 16 anos facendo un festival e loitando contra vento e marea, loitando contra o nordés... A día de hoxe, se teño que ser crítico, son crítico para ben. Creo que agora mesmo en Burela hai moitísima apertura cultural, moitas opcións. Está Xebra, seguen estando Ledicia e Arume, non quero esquencerme de Dambara... Está todo o tecido cultural conxuntamente coa potencialidade do deporte; vemos aí esas bravas mulleres do fútbol sala. Ese fío condutor, ese «leitmotiv» que identifica un pobo non foi a menos, pensando nese hándicap da sociedade na que vivimos hoxe. Vexo unha Burela activa. Este ano fanse dez anos do Osa do Mar, que é un festival de referencia a nivel galego e atraveríame a dicir que a nivel estatal.

«Reivindico a imaxe de mestre, de músico, de regueifeiro...»

—Nun artigo de 2016 en La Voz falaba da súa «pequena historia da miña grande segunda vida na Costa da Morte». Marcouno moito?

—Son mestre desde hai moitos anos. Aprobei as oposicións con 22 ou 23 anos, e para min a opción de escoller un destino no que me sentira estranxeiro pero ao mesmo tempo que tivera conexión foi poñer o dedo en Fisterra e marchar para alá.

—Foi unha elección...

—Podía ter elixido A Coruña, Compostela, outra cidade ou mesmo Burela. Pero precisaba recorrer o meu camiño, e foi un acerto. Para min esa segunda vida que me deu a Costa da Morte lévoa moi marcada. Os pobos fanse tamén coa xente de fóra. En primeira instancia sentinme alí inmigrante, tendo que volver a empezar, e despois daste conta de que a xente te acolle. Galicia é un país marabilloso que acolle. Sentirte acollido é algo que tamén identifica moito a Burela.

—Mestre, músico... con que se identifica máis?

—Teño completo o arco da felicidade porque me sinto músico e a miña profesión é ensinar música. O meu mundo profesional está relacionado coas artes. Reivindico a imaxe de mestre, de músico, de regueifeiro... de poder improvisar, de soltar versos ao aire...

—Vai participar nun pregón completo (coa Banda Krioula e estrearase unha canción de Goretti Regueira musicada por Arume)...

—Entendo que sexa un pregón atípico porque eu sen música tampouco sei estar. Seguramente tamén toque emocionarse e seguramente teña que chorar.