Proxecto Neo busca relevo pola próxima xubilación do profesor Bernardo Penabade

Lucía Rey
lucía rey BURELA / LA VOZ

BURELA

Penabade impulsa desde Burela o galardoado programa de radio de integración social Proxecto Neo.
Penabade impulsa desde Burela o galardoado programa de radio de integración social Proxecto Neo. CEDIDA

O emblemático programa de radio chegará o 10 de xaneiro ás 404 emisións

04 ene 2024 . Actualizado a las 13:14 h.

Este xoves, 4 de xaneiro, cúmprense 12 anos da primeira emisión do programa radiofónico Proxecto Neo, unha iniciativa educativa nacida no seo do IES Perdouro, dentro do Modelo Burela, que transcende ós ámbitos culturais e sociais, e que busca relevo debido á próxima xubilación do seu principal impulsor: o profesor e activista Bernardo Penabade Rei (Grañas do Sor, 1964). «Para manter estas iniciativas o discurso non chega, o máis importante é o traballo continuado, e conseguir alguén que se comprometa é complicado», recoñece un docente que leva décadas implicado na integración real de colectivos que precisan apoio, como os nenos con dificultades académicas ou problemas de conduta; e con especial atención ós migrantes caboverdianos.

«Para manter esta iniciativa o discurso non chega, o máis importante é o traballo continuado», Bernardo Penabade, profesor do IES Perdouro, de Burela

«Temos unha directora excelente, María Xosé Pardiñas, que é profesora de Tecnoloxía, e vai comezar unha rapaza, pero precisamos máis», abunda Benabade. O vindeiro 10 de xaneiro, Proxecto Neo, que ata este curso se emitiu na desaparecida Radio Burela e que agora se pode escoitar a través de Radio Foz e Radio Valadouro, chegará á emisión 404. Tamén é posible escoitalo en puntos como Ferrol, Teo, Santiago ou Vigo mediante outras emisoras locais. «Neste tempo levan pasado por el 13 promocións de estudantes de traballo activo, e pasa de 1.000 as persoas que pasaron polo programa. Este curso temos desde un neno de cuarto curso de Primaria que quixo colaborar con nós, a nenos de primeiro e segundo de ESO, e, por primeira vez, contamos coa colaboración de migrantes de forma constante. Algo que é moi difícil», subliña Penabade, que recoñece como algo que naceu como un proxecto lingüístico non parou de ir máis. De maneira natural», sostén o docente.

Aprendizaxe da lingua

«A idea era facer unha clase de aprendizaxe de lingua desde una perspectiva práctica, pero vencellada á realidade e coa posibilidade de que os aprendices puidesen facer unha contribución á sociedade», relata. A mestura de culturas é un dos emblemas dun programa de 60 minutos de duración que se emite unha vez á semana, catro veces por mes durante os nove meses que dura o curso. Son 36 ó ano.

Un dos obxectivos foi tamén, desde o primeiro momento, «abrir» o programa a rapaces con desfases curriculares. «O balance pedagóxico é extraordinario e, sobre todo, estase vendo agora, cando están conseguindo a graduación persoas que pasaron polo programa persoas que tiñan desfases curriculares moi grandes», agrega.

Para Penabade, unha das mellores experiencias é comprobar como rapaces que estaban «ó borde da exclusión educativa e social» foron capaces de «dar un xiro de 180 graos» e reconducir as súas vidas. «O reto agora sería que durante un tempo o programa seguise tendo continuidade e estabilidade semanal con esa proxección educativa de atención á diversidade», conclúe.