Diego Quintela, xogador do Burela: «Non estou orgulloso do ano que fixemos, si da reacción final»

Iván Díaz Rolle
IVÁN D. ROLLE BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

O pívot de Arzúa deixou atrás un calvario de lesións e agarda que con Riquer si fagan desfrutar a Burela

06 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Preto dos 30 e xa cunha brillante traxectoria a costas, Diego Quintela Carril (Arzúa, 1991) proponse o reto de mostrar a súa mellor versión a Burela para que na súa segunda tempada o Pescados Rubén non pase tantos apuros para seguir en Primeira. As lesións por fin lle deron un respiro e xa está impaciente por poñerse ás ordes de Riquer.

-Vaia tempada... Tardábanlles as vacacións?

-Fíxose moi longa. Xa pola pandemia comezou tarde e tivemos que ir á promoción. Alongouse dez días máis, pero cumprimos o obxectivo e agora podemos estar tranquilos.

-Acabaron máis cansos física ou mentalmente?

-As dúas cousas. Xa partimos dunha pretempada máis longa do habitual, despois tivemos un cambio de adestrador que supón cambios na forma de traballar e esgótate máis. Aínda por riba no tramo final tivemos positivos e xogamos sete partidos en tres semanas. Vimos as cousas moi negras, pero chegamos preparados. Foi esgotador.

-Dende fóra a sensación é que o equipo daba para máis.

-Ao principio de tempada non pensaba que fósemos chegar a esa situación. Non estou orgulloso do ano que fixemos, a min dóeme que cun equipo como o Burela vaiamos ao play out. Houbo moitos condicionantes, no meu caso foi a primeira vez que vivín un cambio de adestrador, adaptámonos axiña, pero a permanencia estivo cara, con moitos resultados inesperados. Bendito sexa que ao final nos quedamos en Primeira, pero contaba estar máis arriba.

-Tamén foi a primeira vez que se veu tan preto dun descenso. Aprenderon a lección?

-Penso que si. Foi un ano moi difícil, pero que tamén nos deixa moitas cousas que aprender. Eu nunca me vira nunha así; no Santiago loitábamos polo mesmo, pero nunca estivemos tan ao límite, e despois no Palma o obxectivo era outro. Estou contento de que polo menos reconducimos a situación.

-Que precisa o Burela neste mercado para mellorar?

-Temos que aprender dos erros, e vendo como se están reforzando os rivais a liga aínda vai ser máis competida e cada partido vai ser unha final. Temos que facernos fortes en Vista Alegre, ten que ser unha loucura e demostrar que en Burela se pode vivir un fútbol sala moi bonito.

-Sen Mata, igual se lle esixen máis goles. Síntese preparado?

-Aos que xogamos na parcela ofensiva sempre nos piden goles e sacrificio en defensa, estou acostumado. Mata era un xogador fundamental e o único pívot de referencia que tíñamos, veremos se vén outro e senón entre todos intentaremos suplilo. Eu tratarei de axudar con goles e con todo o que me pida o adestrador. Viña dun curso en branco, o meu gran obxectivo era non lesionarme e volver desfrutar. Creo que aportei o meu gran de area e metín 16 goles.

-Das lesións é máis difícil recuperarse psicoloxicamente?

-Viña de dúas operacións de nocello e cando parecía que podía volver chegou a pandemia. Pola cabeza pásanche moitas cousas, pero cando volvín pouco a pouco recuperei sensacións e nas últimas xornadas achegueime ao meu estado óptimo. Quédome con que non me perdín nin un só partido.

-Volverá o mellor Quintela?

-A miña mentalidade sempre foi a de tratar de superarme en cada tempada. Teño moitas gañas de demostrar o que valgo, o que fun e o que podo chegar a ser en Burela. Traballarei por ilo.

-Botaba de menos falar galego no vestiario?

-Dá gusto, somos moitos galegos e sénteste como na casa. O último ano en Palma fun pai, estaba lonxe da familia e paseino mal. Aquí estou a gusto outra vez.

-Pronto coñecerá ao seu terceiro adestrador en apenas un ano en Burela...

-No play out xa sabíamos que Sito non seguiría e agora recibiremos a Riquer cos brazos abertos.

-A teoría di que se é metade de bo que como xogador, o Burela vai meter medo.

-Oxalá que si. Lembro os seus últimos anos e como xogador era un espectáculo, un competidor nato. Falamos de alguén que foi campión do mundo. Como adestrador non o coñezo tanto, pero vinlle algún partido ao Eboli e gustoume. Intentaremos adaptarnos rápido a el, e se el desfruta nós desfrutamos e desfruta o pobo de Burela, que é o importante.