«O sector busca fórmulas para que a xente poda combinar a vida no mar e en terra»

Lucía Rey
Lucía Rey BURELA / LA VOZ

BURELA

XAIME RAMALLAL

Destaca a importancia do Congreso Nacional de Artes de Pesca que empeza mañá para promover o futuro da pesca na comarca

11 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro dunhas horas arrincará en Burela o primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca (xoves 12, 16.30 horas, salón de actos de ABSA). O alcalde, Alfredo Llano, destaca a importancia dun foro no que grandes especialistas do sector da pesca intercambiarán experiencias sobre o papel das novas xeracións, as boas prácticas para unha pesca sostible ou as oportunidades de financiamento para o sector pesqueiro.

—Que supón para Burela acoller unha cita deste calibre?

—Para Burela supón coherencia e interese polo sector náutico pesqueiro. Realmente esta é unha iniciativa da Fundación Expomar, que entre os seus principios ten o de defender o sector en xeral, e máis o de Burela. Para min ten dúas consecuencias positivas. Unha é que se está divulgando, informando e facendo partícipes a todos os centros educativos de Primaria e Secundaria de Burela, onde se van ver moitas iniciativas guapas con respecto ao que é a pesca e ao que é o coidado mariño. E outro que para min tamén é importantísimo: penso que vai ser un antes e un despois na Mariña porque logramos traer a Burela un Congreso Nacional de Artes de Pesca. Algo que é importante para o sector náutico pesqueiro, pero tamén é importante como poboación, como concello para promover e patrocinar, e estar aí sempre pensando na mellor maneira de facer unha boa difusión do sector.

—Sobre todo de cada futuro...

—Si, porque hoxe o sector, igual que outros, está en crise, e a cuestión é mentalizar, animar aos rapaces a que collan interese polo que é o sector náutico pesqueiro, e así tamén axudar a favorecer o que é un cambio xeracional, que haxa xente implicada e que teña interese polo sector para ver, traballar e manter esta profesión, esta actividade que é tan importante para A Mariña como para toda Galicia. É un sector que penso que debe ser tratado como fundamental. Un sector que hai que coidar e mimar para garantir o seu futuro.

—A falta de relevo é o principal problema da pesca na Mariña neste momento?

—É un problemón grandísimo. Podes dicir que non hai seguimento do que fai o pai no fillo, pero o problema que están tendo agora é non conseguir xente para meter nas tripulacións, xente específica dun oficio concreto. Ou sexa que xa non é só cuestión de relevo xeneracional, senón de atopar bos profesionais que conformen as tripulacións para manter a actividade. Penso que aí debemos colaborar e axudar todos os que poidamos.

—Por que pensa que resulta tan pouco atractivo neste momento ir ao mar?

—Falando con rapaces, mesmo con algúns que estudan algo relacionado co sector náutico pesqueiro, vexo que tal e como está agora a dinámica social, cos parámetros de principios do que valora a xente, igual valoran moito máis permanecer e traballar noutra cousa, en terra, e non ir ao mar. Por unha cuestión de «teño máis tempo». Eu penso que inflúen razóns socioeconómicas nas que dalgunha maneira os rapaces optan por buscar outras cousas antes de meterse no mar. Nós, sen embargo, penso que o sector está agora buscando fórmulas extraordinarias, boas, para que a xente poda combinar tamén, se quere, o que é a vida na terra e a vida no mar. De tal maneira que se favorece. Hai moitos que veñen no día, pero hai outros que tardan pouco tempo. Inténtase favorecer dunha maneira que sexa interesante unha actividade que non é só pescar, é tamén o que vén despois. O traballar co peixe. Hai que darse conta que soamente en Burela se están comercializando diariamente máis de cen especies de peixe, iso dá saída a moita xente. Por cada posto de traballo que hai no mar, hai cinco en terra. É o que vén despois: o tratamento do peixe, as conserveiras, a distribución, a exportación... Todo o que trae consigo. Por tanto hai que preocuparse do sector para que se manteña vivo e activo.

«A fórmula de pescar que hai na Mariña, artesanal, é unha garantía de futuro»

En opinión de Alfredo Llano, o Congreso Nacional de Artes de Pesca será especialmente relevante por dúas cuestións. «Por un lado —conta—, vai expoñer nel xente moi preparada e profesional fórmulas diferentes de pescar». «E despois hai outra cuestión fundamental, que é a forma de pescar que temos aquí en Burela e na Mariña. Normalmente é de forma artesanal. Tanto a merluza do pincho, que se pesca de unha en unha, como o bonito, que tamén se pesca dun en un. Esa fórmula de pescar é unha garantía de manter a especie no mar, é unha garantía de futuro», manifesta.

Congreso infantil

O respecto ao medio ambiente será outra pedra angular do foro. «Difundir a idea clara de que hai que respectar o medio mariño, de que hai que tratalo con moito coidado porque depende da fórmula, de como se faga, para que se manteña moito tempo activo e que sexa unha actividade permanente. E para iso, o que está facendo Expomar a través deste congreso, que por un lado vai ser un congreso xuvenil-infantil e despois o congreso que toca ao profesional e a toda aquela xente que dunha maneira ou doutra vive do peixe, e ao mesmo tempo a todo o mundo que compramos e comemos peixe».

«Soamente en Burela se están comercializando diariamente máis de cen especies de peixe, e iso dá saída a moita xente. Por cada posto de traballo no mar, hai cinco en terra»