«O PSOE podería repetir o programa porque nada fixo»

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

Critica a falta de xestión do Goberno e pídelle a Llano que diga se se irá para o Senado ou se quedará en Burela

25 abr 2019 . Actualizado a las 09:32 h.

Manuel Rouco López naceu no municipio de Xove en 1977 e leva quince anos vivindo en Burela, concello que aspira a gobernar liderando a lista do PP. É graduado en enxeñería agrícola e do medio rural pola USC, titulado en enxeñería técnica nesta mesma rama na especialidade de mecanización agraria e construción rural e ten un máster en prevención de riscos laborais. Rouco é o presidente da xestora do partido desde comezos do 2018 e foi confirmado candidato á alcaldía o pasado xaneiro. Enfrascado de cheo na campaña e tendo en conta a máxima do PSOE de «unha persoa, un cargo», Rouco cre que o candidato socialista, Alfredo Llano, debería «ser xusto cos veciños e coas veciñas de Burela» e dicirlles se, no caso de ter esa posibilidade o día de mañá, vai marchar para o Senado ou vai quedar en Burela.

-Por que decidiu dar o paso de presentarse?

-En principio o que se me propuxo foi reconstruír a agrupación local desde dentro. O que non contaba era que os compañeiros me elixiran de forma unánime como candidato. Creo que era necesario dar o paso polo estado no que se atopa Burela. É un despropósito. Cantos proxectos dos anunciados se levaron a cabo? O PSOE podería repetir o mesmo programa porque nada fixo. Cando entraron a gobernar criticaron obras do anterior goberno, do PP, pero o que entre agora a gobernar Burela atoparase con que nestes catro anos non se fixo nada. Non houbo xestión, non houbo nada.

-Moitas caras novas na súa candidatura, na que non se inclúen todos os edís actuais.

-Continúa Pepe Casas. Penso que un proxecto novo tamén require de caras novas. De feito, había un sector da agrupación local que pedía unha renovación total, pero penso que a renovación debe ser tranquila e consensuada, e necesitamos tamén da experiencia da xente que estivo en política, como Casas e Xusto Eijo. Na nosa candidatura hai once caras novas que tiveron o valor de dar un paso adiante nunha situación complicada. Case a metade dos integrantes da lista teñen formación universitaria, e tamén a integran persoas cun grande éxito no sector empresarial.

-Custoulle moito facer a lista?

-Para nada. Practicamente todos me dixeron que si á primeira.

-Dígame dous proxectos urxentes a acometer en Burela.

-É básico ter o bo polígono. Somos o único concello que non ten un polígono desenvolvido. Hai dúas empresas importantes que se queren asentar e aínda están valorando ficar en Burela porque non hai parcelas. Outro proxecto fundamental é a estación depuradora de augas residuais. A EDAR que temos é insuficiente para a poboación que hai. Estivemos valorando a posibilidade de que se constrúa unha EDAR máis moderna, que non emita olores nin impacte visualmente. Neste sentido, tampouco debemos perder de vista a modificación do regulamento de Costas.

-Que lle parece que en Burela se presenten nesta ocasión tantas candidaturas políticas?

-Creo que iso necesariamente non ten que ser malo. Creo que é san na política, en democracia. O que debería estar preocupado é o actual equipo de goberno. Os veciños van ter que decidir en pouco máis dun mes se queren que o PSOE siga afincado no goberno ou non. A única alternativa real de goberno é a do PP.

-Deu explicacións sobre as acusacións do PSOE de que vostede exercía como xuíz de paz en Cospeito, quere engadir algo?

-Ante esta broma o único que esbozo é un sorriso. Denígranse eles sós insultándome.