Iago Míguez volve á casa para devolver ó Burela a Primeira

Iván Díaz Rolle
Iván D. Rolle BURELA / LA VOZ

BURELA

XAIME RAMALLAL

O xogador burelense rescindiu o seu contrato co Santa Coloma e regresa para apuntalar o proxecto laranxa

28 jun 2018 . Actualizado a las 11:31 h.

Tiña preparada o Pescados Rubén-Burela unha última sorpresa que rematará de desatar a ilusión en torno ao seu conxunto masculino. O club laranxa anunciará nas próximas horas que Iago Míguez Expósito (Burela, 1991) porá a guinda ao seu plantel de Segunda División tras rescindir o contrato que o vinculaba ao Catgas Santa Coloma, da máxima categoría nacional.

En Barcelona viviu un curso de altibaixos nun conxunto no que non cunseguiu estar na Copa nin no play-off. Xogou 25 partidos, seis deles como titular, e marcou catro goles. Agora Míguez volve á casa disposto a porse ás ordes de Juanma Marrube para recuperar as súas mellores sensacións e cifras realizadoras e para tomar galóns nun proxecto ambicioso que soñará co ascenso a Primeira.

O futbolista mariñán militara no Burela nas cinco anteriores campañas na elite, tras debutar na categoría co Prone Lugo, en cuxa canteira rematou a súa etapa de formación. Foi un xogador importante que acumulou 57 dianas como laranxa nese tempo, destacando o seu crecemento goleador nas tres últimas tempadas.

Iago convértese na quinta fichaxe laranxa tras as de Lucho e Vargas (Levante), Juanma (Segovia) e Porto (Prone Lugo). Só queda confirmar a portería dun equipo no que seguirán Matamoros, Hélder, Renato, Luisma e Pope.