O Teatro das Cortes, no Vicedo, presentou o programa de actos da primavera

La Voz O VICEDO / LA VOZ

A MARIÑA

<span lang= gl >Desde a esquerda, Isa G. Coldeira, de Trécola títeres; Lucho Penabade, da Asociación Volta e Dálle, e Anxo García, de Viravolta Títeres</span>
Desde a esquerda, Isa G. Coldeira, de Trécola títeres; Lucho Penabade, da Asociación Volta e Dálle, e Anxo García, de Viravolta Títeres TdC

Arrincará o 25 de abril coa xornada «Onde foi Barriga Verde?»

20 abr 2026 . Actualizado a las 06:00 h.

O Teatro das Cortes, na aldea de Cabanas (O Vicedo), acolleu a presentación do programa «Da Barraca á Aula: A memoria das festas», da man de Isa Coldeira e Anxo García, da Asociación Cultural Morreu o Demo e mais Lucho Penabade.

Entre as primeiras propostas atópase a xornada Onde foi Barriga Verde? que se celebrará no teatro este 25 de abril e que inclúe unha exposición, un obradoiro de creación de monicreques para adultos, unha representación de Barriga Verde a cargo de Viravolta Títeres e mais un Sketch da Brigada Teatral das Cortes sobre o 25 abril portugués. Todas as actividades serán de balde. Para se inscribir no obradoiro cómpre se apuntar en voltaedalle@gmail.com

Morreu o Demo promove o programa Da Barraca á Aula. A memoria das festas co que quere achegar o patrimonio do títere tradicional galego a espazos rurais do noso país. O programa desenvólvese en centros de ensino e espazos socioculturais dos concellos de Pol, Meira e O Vicedo na provincia de Lugo. 

Sábado das Letras o 23 de maio

A sesión serviu tamén para presentar o programa do Teatro das Cortes para esta tempada. Despois das actividades do 25 de abril, este espazo continuará as súas propostas o vindeiro 23 de maio coa celebración do Sábado das Letras. Un recital aberto e unha actuación de música tradicional acompañarán a Paula Carballeira, que presentará o seu libro sobre Begoña Caamaño, e desenvolverá unha actuación de narración oral. Para os días 27 e 28 de xuño está prevista a segunda edición do Festival da Lingua Moza, que se desenvolve co apoio da Área de Cultura da Deputación e que está organizado pola AC Volta e dalle e a Escola Semente para público familiar e xuvenil.

Obradoiros de regueifa e banda deseñada, unha mesa sobre lingua e infancia, os títeres de Babaluva con A filla do Cacharulo ou un roteiro teatral co grupo Son D’Aldea de Palas de Rei son algunhas das propostas desta iniciativa, que agarda contar tamén con concertos de Uxía Senlle, Punk on Keixo ou un encontro interxeracional de Regueifa. Unha actuación do Mofa e Befa o 18 de xullo, ou un serán astronómico o 12 de agosto polo eclipse solar son outras das propostas.