Ruído e insultos: crise no debate público

HERMINIA PERNAS OROZA PROFESORA DE EDUCACIÓN SECUNDARIA

A MARIÑA

MONICA IRAGO

17 mar 2026 . Actualizado a las 16:04 h.

Vivimos nun ecosistema comunicativo onde o ruído deixou de ser un accidente para converterse no propio medio. A saturación, a velocidade e a lóxica das redes sociais transforman o debate público nun espazo de reaccións impulsivas, lecturas superficiais e confrontación permanente. Informarse e protexerse convértense en tarefas simultáneas, mentres a calma -a máis necesaria- é tamén a máis escasa, e a voz reflexiva queda abafada polo ruído constante.

Nunha clase recente, coincidindo co Día da Muller, o alumnado analizou un tema recorrente: o ton das críticas cara ás mulleres nas redes sociais. Nos últimos días, varios medios informaron sobre insultos a unha analista política, sumándose a casos de actrices, presentadoras ou mulleres con responsabilidades institucionais.

O que máis lles chamaba a atención non era o debate político, senón o ton das críticas: comentarios sobre vestimenta, insinuacións sobre a vida privada ou observacións alleas ao seu traballo. Nas redes, calquera detalle persoal amplifícase e convértese nunha arma arroxadiza especialmente cando o obxectivo é unha muller.

Esta dinámica non é exclusiva da política; repítese tamén no ámbito empresarial, científico, deportivo e cultural. Cando unha muller accede a un espazo de poder, o escrutinio deslízase cara ao persoal: a idade, o físico, a vida familiar, o carácter. Cando un home é criticado -como Oliver Laxe- o debate céntrase na súa obra; buscan incoherencias no seu discurso artístico e vital, non na súa persoa. A asimetría é evidente: eles son cuestionados polo que fan; elas, polo que son.

Neste contexto, moitos adolescentes reproducen discursos regresivos envoltos en humor ou provocación. As redes sociais normalizan ideas que pensabamos que estaban superadas e ofrecen respostas simples a problemas complexos.

Así, cando observan ataques á vida privada ou á estética dunha figura pública, interiorizan que iso forma parte do xogo. A escola e as familias teñen aquí unha oportunidade: ensinar a distinguir entre feito e opinión, entre crítica e ataque, entre interese público e voyeurismo. A velocidade coa que circulan os contidos dixitais favorece que calquera insinuación se converta nunha “verdade” repetida, alimentando crispación e desconfianza.

A crítica política -e social- é necesaria, pero debe centrarse no esencial: as decisións, os proxectos, a responsabilidade pública. Desviar o foco cara á vida privada empobrece a conversa democrática e transmite unha mensaxe perigosa ás novas xeracións.

Nun espazo saturado, onde a exposición pública é case inevitable, non podemos aceptar a falsa lóxica do “ti buscáchelo”. Esa idea despraza a responsabilidade de quen ataca cara a quen é atacada e converte o debate público nun lugar intimidante, especialmente para as mulleres.

Se queremos unha sociedade máis madura, cómpre defender un espazo público onde a crítica se dirixa ás ideas e non ás persoas. O día que confundimos ambas cousas, o debate deixa de ser público para converterse nunha simple exhibición de ruído e insultos.