Enrique Penabad, este sábado será homenaxeado por O Arco da Vella en Barreiros: «Estes 45 anos foron moi moi positivos»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BARREIROS / LA VOZ

A MARIÑA

Enrique Penabad
Enrique Penabad Pepa Losada

Repasa a traxectoria na agrupación folklórica barreirense que foi a súa casa cultural

12 mar 2026 . Actualizado a las 18:34 h.

Este sábado terá lugar en San Miguel de Reinante (Barreiros) unha homenaxe especial. Repasar 45 anos de dedicación ao mundo folklórico a través de O Arco da Vella pode ser algo fácil para a IA pero non tanto para Enrique Penabad (San Miguel de Reinante-Barreiros, 1956). O 14 será homenaxeado nos Colexios Vellos da súa parroquia, ás 14.30 horas, cun xantar de agradecemento e logo cunha foliada.

—Como pasa o tempo...

—Non sei que sensación teño, porque os recordos son a veces tan intensos que non son capaz de poñerlles tanta distancia. Algúns pensei que eran máis cercanos e foron nos anos 80 ou 90. Pensas que non está tan lonxe... E está! Xa vou nos 69. A todos nos pasa, pero na túa propia vida miras para atrás... Nos 80 estaba recén casado e non naceran as fillas. Mira se pasou o tempo!

—45 anos como presidente fundacional. Un tempo que sería como unha montaña rusa, momentos arriba, momentos abaixo pero aguantando sempre o timón.

—Sei que collín a todo o mundo de sorpresa cando decidín deixalo, porque en setembro organizamos o curso para empezar o baile en outubro e o 3 de novembro foi a data na que presentei a dimisión, coincidindo co meu cumpreanos e coa data de xubilación de profesor hai cinco anos. Sabía quenes tiñan que coller o timón. Nestes 45 anos foron pasando cousas que foron moi moi positivas pero pouco a pouco van xurdindo detalles, insignificantes ás veces, pero que cos anos non se collen igual que con menos anos. Os problemas velos con outra perspectiva, e a sociedade tamén che obriga a facelo. Simplemente esa é a explicación.

«En setembro organizamos o curso para empezar o baile en outubro e o 3 de novembro foi a data na que presentei a dimisión, coincidindo co meu cumpreanos e coa data de xubilación de profesor hai cinco anos. Sabía quenes tiñan que coller o timón»

—Como lembra cando empezou o folklore co nacemento das agrupacións de hoxe na Mariña e como o ve na actualidade?

—O Arco da Vella naceu da nada. Eran os anos 80. Empezaban tamén, entre outros, Airiños do Xunco, Ledicia... Máis ou menos somos todos da mesma época. Estabamos nunha zona na que non había daquela a tradición que podía haber noutros lados de Galicia. Había outros grupos montados en Coruña ou Santiago dos que podías aprender. Estando no instituto en Ribadeo había un grupo chamado La Tuna del Instituto, que foi onde aprendín a tocar a gaita e algo de baile. Partimos de cero. Todo era ilusión. Todo foi aprendizaxe. Cando fixemos intercambios, fixábamonos na roupa doutros grupos, facíamola nosoutros, pero fomos vendo que cos dous bailes montados de antes fomos progresando, tamén nos levamos batacazos, pero ao día seguinte analizábamolos, buscando fondos para vestuario, investigando pezas, aprendendo cancións, achegándonos a eses puntos de cultura tradicional e sempre atopabas unha persona que che bota unha man. E empezamos a medrar. Foi positivo nese sentido. Eu fun crecendo personalmente a medida que iba crecendo o grupo.

—Dos intercambios, garda algunha anécdota curiosa?

—Tivemos intercambios que nos marcaron e nos ensinaron moito. Antes o Festival do Emigrante facíase na Praza do Souto e cambiouse para o campo de fútbol. Gran idea, pero que non a inventamos nosoutros. Unha vez fomos actuar no Festival Internacional de Gijón e bailamos no Molinón. Que ben estaba a xente nas gradas véndonos! Ese foi un dos grandes cambios que fixo crecer a Arco da Vella e ao Festival do Emigrante. Para min un intercambio é algo delicado porque debes ser un bo anfitrión tamén e que a xente saia contenta. Sempre recordo, porque me impactou, unha vez que estábamos no campo de fútbol, un ano que choveu, nós levábamos os zocos e bailamos. O grupo de Omsk (Siberia) negárase a bailar. Nunca nos pasara iso. A tradutora díxome que por favor fose ao autobús. Entrei e todos puxeron os pés no pasillo, pero eu non entendía, ata que levantaron os zapatos e a suela deles era de cartón. Explicáronnos que todo o mundo tiña a idea de que no seu país todo era xeo e neve, pero iso era en inverno pero no verán facía moita calor. Se se lles estropeaba o calzado na primeira actuación non aguantarían o tempo que botaban en España. Dixeron que ao día seguinte facían pola mañá unha actuación solo para nosoutros. Así foi, no polideportivo unha hora. Fora memorable.

—Que significou e significa o folklore tradicional na súa vida?

—[Tarda uns segundos en penssar a resposta] Xustamente é o complemento adecuado para a miña vida profesional e para todo o que vivín, aparte do plano familiar. Acabei dando clase de música no colexio tamén, ao final. É algo que me enche completamente. A parte musical e de danza nalgúns momentos me valeron de válvula de escape e relax.