A guerra que tamén nos afecta aquí

PACO RIVAS

A MARIÑA

Factoría de Alcoa, en San Cibrao, donde están moi pendentes do prezo do gas e da electricidade
Factoría de Alcoa, en San Cibrao, donde están moi pendentes do prezo do gas e da electricidade xaime ramallal

10 mar 2026 . Actualizado a las 20:37 h.

A guerra contra Irán xa comezou. Nos últimos días producíronse bombardeos e ataques que deixaron numerosas vítimas, entre elas civís e tamén menores. A escalada militar impulsada por Estados Unidos e Israel abre un novo conflito nunha rexión que leva décadas vivindo baixo a ameaza permanente da guerra. O problema non é só militar ou xeopolítico. É tamén un problema de legalidade internacional. A intervención non conta cun mandato claro da Organización das Nacións Unidas, que é o organismo que debería autorizar unha acción armada deste tipo. Sen ese respaldo, a guerra nace xa marcada por unha grave falta de lexitimidade.

As consecuencias están á vista. Cada día que pasa aparecen novas víctimas e novos bombardeos. A guerra moderna preséntase ás veces como cirúrxica ou precisa, pero a realidade segue sendo a mesma de sempre: quen paga o prezo máis alto son os civís. O ataque contra unha escola de nenas en Minab, que causou a morte de decenas ou máis dun cento de menores segundo distintas investigacións, converteuse nun símbolo brutal desta escalada. A posición de España de non sumarse á intervención militar merece ser defendida. España non debería permitir que as bases militares compartidas no seu territorio sexan utilizadas para atacar Irán nin para alimentar unha guerra iniciada sen respaldo internacional.

A guerra en Irán xa está a repercutir nos prezos do petróleo e da enerxía, algo que afecta tamén ás familias e ás empresas da Mariña, demostrando que os conflitos lonxe do noso territorio teñen consecuencias próximas. Cada explosión, cada víctima civil, cada cidade arrasada, recorda que a violencia dos poderosos non queda lonxe… chega tamén ás nosas vidas e ao noso entorno. Cada guerra que se inicia sen lei deixa o mundo un pouco máis inxusto e un pouco máis perigoso.

* PACO RIVAS. Profesor, filólogo e escritor da Mariña.