O PP de Foz incorpora a Iago Rivas, de 33 anos, como novo concelleiro en substitución de Dolores Labrada
A MARIÑA
Rivas, vinculado á hostalería, é un destacado barista
04 mar 2026 . Actualizado a las 14:49 h.O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz comunica que conta deste esta semana cun novo concelleiro, Iago Rivas Eiroa, veciño da parroquia de Vilaronte, que se incorpora á corporación municipal en substitución de Dolores Labrada, quen deixa a acta por motivos persoais. Desde o PP de Foz destacan que se trata dunha incorporación «importante e moi positiva, ao tratarse dunha persoa nova, de 33 anos, moi activa na vida social e profesional do municipio e cunha ampla traxectoria no sector da hostalaría. Ademais, Rivas Eiroa representou en numerosas ocasións a Foz en concursos e eventos, o que demostra o seu compromiso co pobo».
«O seu perfil achega frescura, ilusión e capacidade de traballo ao noso grupo municipal», sinalan desde o PP subliñando que se trata «dunha persoa con moito que aportar á corporación e ao proxecto político do Partido Popular de Foz». A incorporación prodúcese aproximadamente a metade da lexislatura, «nun momento -din- no que o PP de Foz seguirá mantendo a mesma liña de traballo desenvolvida ata agora: defensa dos intereses dos veciños, labor de control e presentación de propostas construtivas para mellorar o municipio».
Desde o grupo popular lembran que Foz conta cun goberno en minoría «que non está a cumprir cos obxectivos nin coas expectativas creadas, polo que consideramos máis necesaria ca nunca a súa función de control e vixilancia da xestión municipal». Neste sentido, o PP de Foz «seguirá poñendo o foco en cuestións que preocupan especialmente á veciñanza, como a xestión da auga e o impacto económico das dúas facturas que se están a cargar aos fogares, que afecta directamente á economía das familias», conclúen.