De Tik Tok ós camposantos abandonados

Lucía Rey
Lucía Rey TRIBUNA

A MARIÑA

PEPA LOSADA

22 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha época dominada polo consumismo, a inmediatez, as présas ou redes sociais como Instagram, Facebook ou Tik Tok, onde a miúdo se valoran máis a superficialidade e a inalcanzable «eterna xuventude» que a esencia e a realidade da vida, afastados parecen os tempos en que dalgunha maneira se «coidaba» durante todo ó ano nos cemiterios ós seres queridos que xa non están entre nós. Moitas vilas e aldeas esmorecen e os camposantos parroquiais van ficando cada vez máis solitarios. Cada vez se atopan máis lápidas con flores murchas, de plástico ou xa sen elas. Nos espazos comúns, como zonas axardinadas, as herbas medran sen control, a pintura vai caendo e as gretas van a máis nos muros. En ocasións mesmo é complicado atopar algún veciño que abra a porta. Xeracións de mariñáns (especialmente mulleres maiores) que acudían de maneira puntual ós cemiterios para que as lápidas estivesen limpas, as flores frescas ou sinxelamente «para visitar» van desaparecendo á vez que as igrexas tamén se baleiran. De fieis (a sociedade tende cada vez máis ó laicismo), pero tamén de sacerdotes pola escaseza de vocacións.

Cada vez quedan menos curas e os poucos que quedan (cunha media de idade que tamén é alta) a duras penas dan abasto para cumprir a súa misión pastoral e atender todas as necesidades das parroquias que teñen que asumir en maior número. Con este panorama, é de valorar o esforzo da diocese Mondoñedo-Ferrol, quen a través do bispo, Fernando García Cadiñanos, está tratando de poñer máis «orde, corresponsabilidade e transparencia» na xestión e na titularidade das sepulturas, sexan tumbas, nichos ou panteóns. Sobre todo para manter actualizados os títulos de concesión, e que estes estean sempre a nome de persoas vivas. O novo regulamento tamén recorda que nin parroquias nin Bispado son responsables de roubos, desperfectos ou actos vandálicos nos cemiterios, e que calquera obra que se leve a cabo neles debe contar cos permisos civís correspondentes e coa autorización da delegación diocesana de Patrimonio. O civismo é cousa de todos. Tamén nos cemiterios.