A Mondoñedo tamén chegaron os ecos da fazaña do Plus Ultra hai cen anos. O 22 de xaneiro de 1926 partiu do porto de Palos de la Frontera (Huelva) o hidroavíón Plus Ultra tripulado polos militares do exército español J. Ruíz de Alda, J. M. Durán, o mecánico Pablo Rada e o comandante ferrolán Ramón Franco, irmán do futuro golpista e ditador, F. Franco. O día 10 de febreiro, tras superar sete etapas e diversos contratempos, o Plus Ultra acuatizou no Río da Plata, e os heroes foron recibidos en Bos Aires con enorme entusiasmo pois conseguiran cruzar o Atlántico por primeira vez usando un só aparato.
Especialmente afervoadas foron as atencións que lle prestaron a colonia galega segundo se conta na revista Céltiga. O presidente do Centro Gallego era naquel entón o mindoniense Francisco García Olano (Mondoñedo 1970-B. Aires 1933) e como tal foi o encargado de agasallar e homenaxear a Franco e compañía durante a súa estadía na Arxentina (en Céltiga nº 27-28 e 29-30, ampla reportaxe fotográfica).
En Mondoñedo como en toda Galicia tivo enorme repercusión esta proeza, especialmente pola participación do galego, Ramón Franco Bahamonde. Tanta foi a ledicia que un grupo de mulleres mindonienses enviaron unha emotiva misiva de felicitación a dona Pilar Bahamonde, nai do aviador Franco, asinada por 30 damas entre as que abundaban os apelidos das familias máis distinguidas da cidade. Chama a atención que a carta estivese redactada en galego e que amais dos parabéns á señora de Franco tamén contiña algún parágrafo de certo regusto poético e que dicía: «A groriosa fazaña do voso Ramón que abréu ás arelas amorosas da Terra un novo camiño, pol-o que, de unha a outra banda do Atlántico, irán e virán, de hoxe para sempre, salayos e lembranzas, bicos dos fillos e chamadas maternaes, enchéu de ledicia os nosos corazóns acougantes de mulleres galegas e fixo tremar as nosas almas, de admoraceón e gratitute: admoraceón para os heros, gratitude pra quen quixo soar con ecos de alboradas e muiñeiras as trompas y-os craríns da Fama. Y-eisí cómo, ao escoitar os feituqueiros cantos dos paxariños, tornámol-os ollos en cobiza do niño onde se criaron; esisí hoxe voltamol-os nosos ollos a ise fogar-niño de águias e festexamos cos pais os trunfos do fillo, que faguemos duas veces nosos: por sere galegas e por sere Ferrol xoya fermosa da Mitra de Mondoñedo».
Para ler a carta enteira, así como os nomes das 30 mulleres mindonienses asinantes, véxase El Correo Gallego do 13 de febreiro de 1926. Para celebrar o primeiro aniversario da xesta aérea do Plus Ultra, outra mindoniense, Pepita Moirón Paz, profesora da Escola Normal de Montevideo, poeta e colaboradora de Lar Galicián, publicou en El Heraldo Gallego, órgano das colectividades galegas na Plata, o 6 de marzo de 1927 un poema titulado “¡10 de febrero!” e que, entre outros versos, dicía: “Bendito es tu nombre, ya que eres Gallego. Porque eres alado, y perteneciente a la Sacra Mitra, de mi Mondoñedo. ¡Un año justito, que estabas llegando! Y al fin descendistéis cual si descendiera del cielo, entre ángeles, el Espiritu Santo”.
* Antonio Reigosa. Escritor. Cronista Oficial de Mondoñedo.