Lucía Prieto Ramudo, viveirense Premio Extroardinario de Grao: «A de enxeñería non é carreira de esprint senón de resistencia»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Lucía Prieto Ramudo, co premio
Lucía Prieto Ramudo, co premio

Exalumna do IES María Sarmiento, rematou o de Tecnoloxías Industrias e valora poder traballar na Mariña no futuro

07 feb 2026 . Actualizado a las 21:43 h.

Exalumna do IES María Sarmiento, Lucía Prieto Ramudo (Viveiro, 2003) recibía o pasado venres 30 premio extraordinario de Grao en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais do curso 2024-2025, pola Universidade da Coruña. «É unha enxeñería xeneral que vale para case todo», describe por enriba esta estudante viveirense que actualmente prepara en Ferrol o máster habilitador, «que ofrece máis atribucións, tanto de eléctrica, como de electrónica ou mecánica de forma que podes firmar proxectos», di. Xa fora premio extraordinario de bacharelato no curso 2020-2021, mellor nota de admisión de grao da UDC e tivo o Premio á excelencia académica Ángela Ruíz Robles da Xunta de Galicia durante os tres primeiros cursos do seu grao na Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol.

—¿Dende cando tivo claro que quería facer, rama ciencias?

—No bacharelato tíveno claro porque había asignaturas de letras que me custaban moito máis que matemáticas, física ou calquer outra de ciencias. Tiña claro que ía ser unha enxeñería. Si que despois me custou máis definir que tipo de enxeñería. Decanteime por esta e estou moi contenta.

—Lembra a proporción de homes e mulleres que había en clase?

—Sorprendeume bastante. Cando empecei, tiña en mente que non ía haber ningunha muller, porque é o que che fai crer a sociedade. Na miña clase eramos bastantes mulleres. Si que ves outras carreiras en Ferrol nas que hai unha ou como moito dúas rapazas por clase.

«Cando empecei, tiña en mente que non ía haber ningunha muller, porque é o que che fai crer a sociedade»

—Que representa o premio?

—Representa que o esforzo tén recompensa. Foi un esforzo de catro anos e vexo que deu os seus froitos, que acadas os obxectivos que te plantexas ao principio.

—Como se describe ao estudar?

—Método como tal non teño. O que intento é seguir as materias día a día, non deixar todo para o último día, porque é imposible. Sobre todo nunha enxeñería. Non é unha carreira de esprint senón de resistencia. Intento ser o máis organizada posible.

—Expectativas laborais futuras.

—En verdade, estou aberta a todo. Si que me atraen algúns sectores como o da enerxía e químico. Acabo de ir a un encontro de empresas e fun vendo algunhas que non sabía que existían, descubrindo sectores que tamén che poden atraer profesionalmente. Daste conta de que hai máis cousas interesantes.

—De cara ao futuro, estanse abrindo campos... E xa están aquí.

—Por exemplo, agora a Intelixencia Artificial (IA) ou os sectores de innovación no ámbito industrial tamén están cun auxe bastante importante.

—Gustaríalle traballar nesta zona?

—Sería unha das miñas opcións principais, ainda que na Mariña non hai moito sector industrial, se o comparas con outras zonas.

—E atreveríase no estranxeiro?

—Habería que mirar as condicións pero se foran boas, seguramente. A veces comparas con outros países e vense diferencias, como sucede no ámbito sanitario, que tamén pode ser noutros sectores.