«O cerebro dun neno non está preparado para xestionar ben Internet nin as redes; é unha fantástica noticia que as prohíban a menores de 16 anos!»
A MARIÑA
Alba Guijarro, psicóloga viveirense, valora positivamente o anuncio de que España obrigará ás plataformas a poñer en marcha sistemas efectivos de verificación de idade
05 feb 2026 . Actualizado a las 13:53 h.«É unha noticia fantástica!». Así define a psicóloga Alba Guijarro Infante a noticia anunciada polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que España, a través do Consello de Ministros da semana que vén, prohibirá acceder a redes sociais a menores de 16 anos, obrigando ás plataformas a poñer en marcha sistemas efectivos de verificación de idade. Día tras día, a profesional atende na súa clínica de Viveiro a nenos e adolescentes de toda A Mariña que nalgúns casos presentan problemáticas impropias da súa idade, como ansiedade, depresión, adiccións ou falta de habilidades sociais, ou que mesmo se autolesionan. Patoloxías ou trastornos que en ocasións derivan dun uso inaxeitado de Internet e das redes.
«Os adultos non temos educación en redes sociais, para canto máis os nenos... Non sabemos filtrar o que vemos. Parece que nelas todo é realidade, pero estannos vendendo un mundo de superficialidade e, ademais, moi sexualizado; sobre todo para as nenas», detalla Guijarro, que alerta de que entre os rapaces está habendo «un repunte de machismo» que probablemente derive da «imaxe feminina» que difunden as redes e do acceso a páxinas pornográficas, nas que, en moitas ocasións, os menores acaban entrando de primeiras sen intención, xa que aparecen como ventanas emerxentes en múltiples aplicacións.
Menor tempo de atención
O emprego abusivo e inapropiado das pantallas (móbiles, tabletas, ordenadores...) tamén está detrás da redución dos tempos de atención e do empeoramento da calidade das funcións executivas (autorregulación, planificación, razoamento, memoria de traballo, etcétera). «As redes fomentan que os rapaces estean cada vez máis tempo diante das pantalla, e iso tamén fai que a comunicación e a sociabilidade sexan moito peores», comenta. E pon un exemplo: «Pasas por diante dun instituto e a maior parte dos rapaces están mirando para as pantallas en lugar de estar falando cos compañeiros. Iso fai que se desentrenen do mundo real porque as expectativas que teñen da súa vida unidas ó que ven en redes sociais, máis ese meterse aí dentro, xera un caldo de cultivo no que moitas nenas e nenos se senten inseguros».
Redes sen filtros, como Tik Tok, fomentan condutas moi perigosas. «Morreron nenos por querer facer retos. As redes fan que a información que realmente lles chega sexa moi confusa e pouco construtiva. Non saben esperar, non saben aburrirse e a creatividade é cada vez peor. Ademais, os grupos de wasap, que permiten esconderse detrás dunha pantalla, crea dificultades a nivel relacional. Nas redes sociais o bullyng é aínda máis humillante porque cun clic chega a 50 persoas», indica. «Que prohiban as redes a menores de 16 anos paréceme un avance moi grande. Estaba desexando que ocorrese. É bo en todo. O cerebro dun neno non está preparado para xestionar todo iso de boas maneiras. Antes de darlles redes, temos que aprender nós para ensinarlles e educalos», conclúe.