A crítica musical volve incluir un disco de Grande Amore entre os mellores do ano xunto a Rosalía, Amaral ou Bunbury
A MARIÑA
Revistas como Efe Eme, Rockdelux, Mondo Sonoro ou Muzikalia eloxian o terceiro álbum do grupo do mariñao Nuno Pico
06 ene 2026 . Actualizado a las 13:02 h.Cada mes de decembro, a crítica musical especializada escolle os mellores discos do ano. E xa é costume que inclúa entre a flor e nata do pop español algunha gravación de Grande Amore, o proxecto musical liderado polo valadourense Nuno Pico. III, o terceiro álbum do trío —mariagrep e Clara Redondo completan a formación— colleitou o eloxio de revistas especializadas como Rockdelux, Efe Eme, Mondo Sonoro ou Muzikalia.
Anteriormente unha publicación en papel cun recoñecido prestixio, Efe Eme é arestora un diario cibernético que cada tres meses quita un libro de reportaxes sobre a historia do pop. Pero segue atenta á actualidade, e neste 2025 situou o disco de Grande Amore no quinto posto entre os mellores discos nacionais do exercicio. Diante de III, só un álbum póstumo do cantautor donostiarra Rafael Berrio, outro de Quique González, outro de Amaral e o xa célebre Lux de Rosalía. O disco máis aclamado en todo o mundo neste curso, «un acontecemento cultural a nivel global», é no ránking o inmediato precedente do traballo de Grande Amore, «excitante y sugestivo». Por detrás, as novidades discográficas de Bunbury ou Manolo García.
«Grande Amore son la tercera vía al rock radikal vasco y al gamberreo a lo Siniestro Total (...): punk arty que apela más al intelecto que al frenesí fiestero», resalta Rockdelux, referente a nivel estatal desde o ano 1984 que coloca III no posto 21 dos 50 mellores discos españois do 2025.
Leer más: Os 11 discos galegos do 2025
Outra revista veterana como Mondo Sonoro dálle ao LP o lugar 49 do seu listado e Muzikalia colócao no seu top ten, por diante, por exemplo, do disco de Amaia. O suplemento Fugas de La Voz de Galicia tamén distigue III entre o mellor dun ano no que Grande Amore deu 55 concertos.