O concello encargou contraanalísticas que presentaron resultados favorables en menos de 24 horas
18 dic 2025 . Actualizado a las 14:24 h.Distintas analíticas realizadas con resultado contraditorio na auga de consumo en Xove crearon debate no último pleno. O Bloque Nacionalista Galego de Xove levou esta semana ao referido pleno municipal unha serie de preguntas «logo de ter coñecemento de diversas analíticas oficiais que cualifican como non apta para o consumo humano a auga da rede municipal en distintos puntos do concello ao longo do ano 2025».
«Segundo os informes emitidos polo laboratorio encargado do control da calidade da auga, detectáronse resultados desfavorables en diferentes redes de abastecemento do concello, con valores irregulares en parámetros como turbidez, trihalometanos, aluminio, colifagos somáticos ou o índice de Langelier. A pesar da existencia destas analíticas negativas, o goberno municipal non trasladou aviso ningún á veciñanza», sinalaron desde o BNG.
Durante a sesión plenaria o alcalde explicou, en resposta ao BNG, «que existían contraanalíticas con resultados favorables que se teñen que presentar en menos de 24 horas». O BNG considera que a poboación «debería estar informada ou, cando menos, advertida da posible existencia dunha incidencia para evitar o consumo da auga». Os nacionalistas demandan «transparencia, que é o mínimo que merece unha veciñanza que leva anos sufrindo problemas recorrentes de turbidez na auga».
Consideran que «todas as decisións relacionadas co consumo da auga estean baseadas en informes técnicos contrastables, especialmente tratándose dunha cuestión que afecta directamente á saúde pública. A existencia de analíticas con resultados contraditorios fai necesario un seguimento exhaustivo e unha información clara que permita garantir a seguridade do subministro».