A festa de fin de ano será na carpa instalada na Praza da Mariña
07 dic 2025 . Actualizado a las 19:43 h.Burela acendeu o Nadal e fíxoo o venres con ducias de veciños nas rúas e nas prazas para disfrutar do gran espectáculo de luz e cor co que a localidade se prepara para as vindeiras festas. Ao coincidir cunha ponte festiva, aos veciños sumáronse visitantes e burelenses que residen noutras poboacións e que teñen ocasión de retornar á súa casa para disfrutar destes días.
Baixo o programa «Burela dá Luz ao Nadal», o Concello programou para este venres diferentes actividades para todos os públicos. A Praza do Concello encheuse de nenos e nenas dispostos a participar das actividades organizadas por Gaia, como o pintacaras infantil e a globoflexia, ademais de gozar da música a cargo de Festicultores Troupe. As Chocolateiras prepararon o chocolate que serviron As Encaixeiras.
A tarde completouse co acendido oficial do alumeado, un acto amenizado pola Escola de Música de Burela. O público aplaudiu a súa actuación, no interior da figura de gran formato en forma de caixa de regalo. O broche de ouro chegou co concerto de Cova do Can Rock, con invitados que pasaron polo escenario como Arume, un gaiteiro, a alcaldesa...
Momento especial
Precisamente a rexedora de Burela, Carmela López, destacou a boa resposta e acollida cidadá a todas as actividades. «Burela é un pobo vivo durante todo o ano e no Nadal, aínda máis», manifestou a alcaldesa, que considera que son boas datas para dinamizar as rúas, apoiar aos negocios de proximidade e facer vila. A concelleira delegada de Festexos, Patricia Eijo, tamén ten claro por onde pasan as preferencias: «Queremos que Burela se encha de luz, música e ilusión dende o primeiro día», consciente de que o alumeado era un momento moi especial para a veciñanza.
Ademais da programación que o Concello ultima para os vindeiros días das vacacións do Nadal, xa está confirmado que a Praza da Mariña acollerá a gran Festa de Fin de Ano. Será unha noite especial para despedir o 2025 e para darlle a benvida ao 2026 no mellor ambiente. Haberá música e baile entre as 00.30 e as 05.30 horas. Conxuro Discomóvil será o encargado de garantir a animación con música para todos os gustos, alternando os clásicos coas pezas máis modernas e actuais. A festa celebrase na carpa do Nadal.