O Teatro das Cortes, no Vicedo, pechará tempada o sábado 29 coa Ofrenda ó Porco de Pedra dos Andrade e un concerto con Ugia Pedreira
A MARIÑA
O contacontos Anxo Moure presentará o espectáculo «Pés de lobo»
26 nov 2025 . Actualizado a las 19:11 h.O próximo sábado, 29 de novembro, o Teatro das Cortes, situado no lugar de Xestoso, na parroquia vicedense de Cabanas, rematará a programación deste ano cunha tarde chea de actividades para todos os públicos. Dará comezo ás 18.00 horas coa terceira Ofrenda ó Porco de Pedra dos Andrade, que incluirá diálogos teatreiros nos que a veciñanza se dirixirá ó porco para contarlle as súas teimas, pedirlle consello ou «saber que vai ser de nós con todo o que está caendo», destacan desde a Asociación Volta e Dálle, impulsora do teatro.
Nesta ocasión, un equipo de actrices e actores que colaboran habitualmente co Teatro das Cortes representarán O porco máis vello, unha comedia breve de creación colectiva onde o conflicto a resolver está en saber cal é o porco máis antigo das tres igrexas mandadas construír polos Andrade: a de Cabanas, a de Riobarba ou a de San Pantaleón.
A continuación, a partir das 19.00 horas, o escritor, guionista e presentador X.H. Rivadulla Corcón falará, entre outros, dunha personaxe creada para un dos espectáculos de Volta e Dálle: o porco Vladimir. Despois, desde Carballolandia chegará Anxo Moure co seu espectáculo «Pés de lobo».
A cita terá como colofón o concerto que, a partir das 20.30 horas, ofrecerán Erikas e Peluxías con Ugia Pedreira. Erikas e Peluxías é parte dun colectivo feminino que nace para unir lazos entre A Mariña e o occidente asturiano. «Guiado por Ugia Pedreira, este colectivo de amigas canta aló onde pode achegar conexións sociais. Arranxan e transforman cancións populares acompañadas de percusión variada, ben pandeireta ou instrumentos de fortuna», precisan.
As actividades contan co apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo e do Concello do Vicedo.