A Área Sanitaria de A Mariña, Lugo e Monforte garante a continuidade asistencial no Centro de Saúde de Ourol
A MARIÑA
«A atención urxente está garantida e non ten esperas», sinalan
26 nov 2025 . Actualizado a las 19:05 h.A Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte quere trasladar á cidadanía de Ourol «unha mensaxe de tranquilidade ante as afirmacións difundidas sobre o funcionamento do Centro de Saúde deste concello, pois a cobertura asistencial está absolutamente garantida malia a falta de profesionais en toda España».
Desde a Área Sanitaria explican que «a praza de médico de familia de Ourol quedou vacante por xubilación e, como acontece en todo o territorio nacional, a falta xeralizada de profesionais sanitarios, especialmente en Atención Primaria, está a dificultar a cobertura inmediata e estable destas prazas. Trátase dun problema de dimensión estatal que afecta a todas as comunidades autónomas e a todo o sistema de saúde».
«A pesar deste contexto adverso -sinalan-, a Área Sanitaria está a cubrir o centro todos os días, grazas á colaboración dun equipo de facultativos que se desprazan semanalmente para atender á poboación. Procúrase que sexan os mesmos médicos sempre que é posible, para favorecer a continuidade da atención».
Engaden que «a intención da dirección continúa sendo cubrir a praza de forma permanente e estable, en canto exista dispoñibilidade de profesionais interesados en ocupar dita praza».
«É importante lembrar que a atención urxente está plenamente garantida e que esta non ten esperas», aseguran.
«Calquera paciente cun problema urxente que acuda ao seu centro de saúde é atendido no momento. A existencia dalgunha demora pode afectar a consultas de trámite ou non urxentes, pero non afecta en ningún caso á atención inmediata das urxencias», din desde a Área Sanitaria.
«Tampouco é certo que os pacientes teñan que explicar de novo a súa situación clínica cada vez que acoden á consulta. O sistema público de saúde de Galicia dispón dunha historia clínica electrónica única, accesible para calquera médico do Sergas, onde figuran os diagnósticos, tratamentos, probas e evolución de cada persoa. Isto garante unha continuidade asistencial completa, mesmo cando son distintos profesionais os que participan na atención dun paciente».
Confirman «que o Hospital Público da Mariña presta asistencia sempre que se require, como non podía ser doutra forma. A atención hospitalaria da veciñanza de Ourol, como a de calquera outro usuario, está garantida en todo momento».
«O Hospital Público da Mariña atende todas as persoas que acoden ás súas instalacións demandando asistencia hospitalaria. A poboación nunca queda sen atención sanitaria. Por iso aA Área Sanitaria apela á responsabilidade institucional nun ámbito tan sensible como o da saúde. A sanidade pública é un servizo esencial que non debe empregarse para xerar preocupación ou transmitir mensaxes inexactas que non se corresponden coa realidade asistencial».
«A pesar da situación global de escaseza de profesionais, a atención en Ourol estase a prestar de forma adecuada e continua, e o Sergas traballa para lograr que a praza quede cuberta».