Promover a cultura do debate, a tolerancia e a diversidade nun mundo en conflito e con focos bélicos en lugares significativos do planeta soa a recurso pedagóxico manido e cansino. Defender unha cultura baseada na reflexión e na introspección como método e como práctica académica está fora de lugar e resulta contraria aos intereses culturais da política social da nosa época. Esixir que o alumnado teña e manteña un mínimo interese polas materias e coñecementos establecidos como base da súa formación estase a converter nun reto de gladiador romano no gran circo educativo. Esperar ademais que obren, falen, respondan e traballen cos mínimos de educación, obediencia e respecto que a súa condición, e a nosa, marcan, comeza a ser xa unha utopía, tanto con respecto ao alumnado como para o resto da sociedade. Poñer en dúbida os principios educativos básicos, os contidos, os medios e os elementos que hoxe usamos e temos á nosa disposición recibe unha resposta involutiva, negativa, contraria aos propios tempos modernos, e que xa vimos en tempos pasados coa radio ou a televisión, instrumentos de captación malignos e/ou propios de gurús, extraterrestres ou demos que queren abducirmos de diferentes maneiras.
Fronte a todo iso... nin a Ética resolve os posibles conflitos e intolerancias; nin a Psicoloxía explica ou é quen de predicir os cambios e alteracións de poboación ou goberno e desgoberno tanto individual como colectivo; nin a Socioloxía atopa explicación para estes actuais movementos retrógrados e reaccionarios, que xa a Historia demostrou catastróficos...; nin tan sequera a Lóxica pode servirmos como comodín e táboa propedéutica para poder explicar radicalmente o que sucede. Todas estas ciencias son pequenos cuarteiróns dunha laranxa grande que alberga o Universo do coñecemento. ¿Todas?... bueno, certamente non; entre todas elas e sobre todas elas está a Filosofía.
Por iso unha vez máis seguimos reivindicando a Filosofía como espazo de comunicación e progreso, seguimos defendendo a Filosofía como escola de liberdades, como o único acceso válido para un futuro en Paz, para unha humanidade en Progreso, e para unha sociedade en Igualdade, Liberdade e Tolerancia. Ningunha ciencia está nas mesmas condicións para reivindicalo e muito menos para facelo..., ningunha! Agás naturalmente a Ciencia das ciencias, a única que posúe esa función integradora e global que aporta unha perspectiva profunda e auténtica do que nos rodea. Existe esa ciencia e chamárona Filosofía, pero o inconveniente que ten é que non se lle recoñece o seu tino a pesares de todo o camiño demostrado ata chegar aquí.
Por iso hoxe, unha vez máis e lembrando a máxima latina de “in vino veritas” este xoves 20 de novembro levantaremos unha copa de Beaujolais Nouveau (sí, viño francés) e berraremos ao unísono... ¡Longa vida á Filosofía!, a das clases, a da historia, a que reflexiona desde o eu e desde o nós, a que se atreve a predicir coma se fora unha vulgar ciencia particular e a que sanciona os momentos e as épocas con preguntas e, ás veces respostas, que transcenden o agora e manteñen unha eternidade que irá máis aló do universo mesmo. Todas esas formas de ensinar, entender, compartir e buscar a Filosofía teñen neste día esa bisagra imperecedera que reivindicamos. Todo o demais, todas as demais novas que nos afectan, irémolas atopando nas nosas vidas, e agardaremos que nolas conten (tamén nos xornais) para que poidamos seguir asombrándonos.
Manel Yáñez Dablanca
profesor de Filosofía