Son tres tramos de estradas de titularidade provincial; en Galdo tamén o solicitaron os veciños
10 nov 2025 . Actualizado a las 18:45 h.O Concello de Viveiro remitiu á Deputación de Lugo unha solicitude para que se instalen dispositivos de redución de velocidade en tres estradas de titularidade provincial do municipio. O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e garantir que os vehículos minoren a velocidade nos tramos máis sensibles, explican desde o concello.
A petición afecta á estrada LU-P-6606, en Area, no tramo comprendido entre o establecemento Louzao e a igrexa; á LU-P-6601 á altura do cine, e ao lugar da Feira, en Galdo, nas estradas LU-P-6602 e LU-P-6608. «Estes puntos rexistran unha circulación densa e, nalgúns casos, os vehículos circulan por eles de xeito habitual a unha velocidade superior á permitida. Por ese motivo, acumúlanse queixas veciñais pola inseguridade xerada», sinalan desde o concello.
O Concello lembra que, no caso de Galdo, xa remitira o 1 de abril unha solicitude acompañada de información gráfica para que se revisase a zona, sen que ata o momento conste resposta. A alcaldesa Mariña Gueimunde asinou a nova petición en aras de que a institución provincial realice os estudos e valoracións necesarias para adoptar medidas que garantan a seguridade e a redución efectiva da velocidade nos tres tramos indicados