Ditoso o mes que empeza con Santos e remata con Santo André

HERMINIA PERNAS OROZA CRONISTA OFICIAL DE BURELA E PROFESORA DE HISTORIA NO IES MONTE CASTELO

A MARIÑA

Alumnos de primeiro de BAC do IES Monte Castelo de Burela visitaron o xoves o cemiterio parroquial coas profesoras Herminia Pernas e Amalia Soto
Alumnos de primeiro de BAC do IES Monte Castelo de Burela visitaron o xoves o cemiterio parroquial coas profesoras Herminia Pernas e Amalia Soto

01 nov 2025 . Actualizado a las 12:21 h.

Os pobos celtas comezaban o ano coa chegada do inverno, concretamente co Samonis, equivalente ao noso 1 de novembro. Samaín (en gaélico Samhain) significa “fin do verán” ou “estación escura”, e na tradición celta honrábase como a noite máis sagrada do ano, xa que marcaba o remate das colleitas e o inicio da preparación para vivir na escuridade ata que os días volvesen medrar. Esa noite, que daba paso ao novo ano, permitía o contacto entre o mundo dos vivos e o dos mortos; por iso se facían grandes fogueiras para escorrentar os espíritos malignos, empregábanse disfraces feitos con peles e cabezas de animais para confundilos e realizábanse ofrendas de comida e bebida nas casas en honra dos antepasados.

Tras a conquista e posterior romanización, o Samonis ou Samhain viuse influído por un festival romano denominado Parentalia, no que se rendía culto aos familiares falecidos visitando as súas tumbas e deixando flores. Non obstante, a época do ano non coincidía, pois os romanos celebraban estas festas fúnebres entre os días 13 e 21 de febreiro.

Tampouco lle foi allea a influencia do mito de Pomona, deusa romana da froita, á que se lle rendía culto mediante festivais de agradecemento pola colleita, especialmente ao final do verán.

A comezos do século XI, Odilón, abade do mosteiro de Cluny, no sur de Francia, instaurou unha xornada dedicada exclusivamente a rezar pola salvación eterna dos monxes falecidos no cenobio. O día elixido foi o 2 de novembro. Roma aceptou e xeneralizou este rito no século XIV, facéndoo extensible a todos os fieis defuntos da comunidade cristiá universal.

Foi precisamente a cristianización a que fixo que o Samaín galego adquirise trazos relixiosos, coa visita aos cemiterios, as ofrendas florais e as misas. No rural aínda se manteñen tradicións como o desfile da Santa Compaña, na que saen en procesión as almas dos mortos, ou a misa de ánimas.

Truco ou trato

Nas zonas urbanas, pola contra, a influencia do Halloween americano —cos seus disfraces terroríficos e o famoso “truco ou trato”— vai gañando cada vez máis terreo fronte aos nosos antigos costumes. A tradición do Samaín exportouse aos Estados Unidos no século XIX desde países como Gran Bretaña e, sobre todo, Irlanda, cuxa poboación emigrou en masa a Norteamérica a causa da denominada “Gran Fame Irlandesa” (1845?1852), provocada por un fungo que destruíu as colleitas de pataca, alimento básico da maioría da poboación. Así xurdiu o Halloween, termo derivado de All Hallows’ Eve (“Véspera de Todos os Santos”).

Cando falecen os nosos seres queridos, a súa lembranza permanece viva, celebrándose a través de diferentes rituais. A familia mantén o contacto cos defuntos mediante oracións, misas e recordos nos seus cabodanos, especialmente o 2 de novembro, Día de Defuntos, cando os cemiterios se enchen de flores e candeas. Entre as tradicións e crenzas populares destaca a da Santa Compaña, unha procesión de almas en pena que percorre os camiños pola noite. Dise que, para evitar atoparse con ela ou que os espíritos se mesturasen cos vivos, tallábanse nabos alumeados con teas. Algunhas teorías sosteñen que nas aldeas castrexas empregábanse os cranios dos inimigos vencidos para iluminalos e colocalos nos muros. Foron tamén os irlandeses quen levaron aos Estados Unidos a lenda de Jack O’Lantern, personaxe que tallaba nabos, aínda que axiña foron substituídos por cabazas, pola súa abundancia e facilidade para seren talladas.

Outra tradición ten que ver co uso dos colares de zonchos (castañas cocidas), dos que se di que liberan ánimas do purgatorio. Elaborábanse na mañá do 1 de novembro e os nenos, co colar ao pescozo, saían ás rúas ofrecendo zonchos aos veciños como un acto simbólico para liberar o maior número posible de almas. Existen análises polínicas do Plistoceno nas que se atopou pole de castaña, aínda que non foi ata a chegada dos romanos cando comezou a estenderse o seu cultivo. En numerosos documentos de mosteiros beneditinos e cistercienses, afirmábase sobre o cultivo da castaña que era o segundo produto máis rendible despois do viñedo. Así, cando os señores concedían unha terra a un foreiro, este tiña a obriga de “facer, chantar ou poboar un souto” e debía pagarlles con castañas secas. A chegada do millo e da pataca restoulle protagonismo, pero a súa importancia queda clara cando os avós din que “quitou moita fame” e que “era un alimento de pobres”. Ademais, o castiñeiro é unha árbore moi agradecida: dá froito en outubro sen precisar grandes coidados, pode vivir ata cen anos e, en casos excepcionais, mesmo ser milenario, como o de Pumbariños (Manzaneda). Del aprovéitase todo: madeira, orizos como combustible e castañas, alimento tanto de persoas como de animais. Hai unha máxima que di: “quen ten un castiñeiro, ten un reino”.

Hoxe en día aínda se manteñen algúns destes costumes, como visitar os cemiterios e facer reunións familiares nas que se comen castañas con arenques e doces tradicionais como os ósos de santo e os buñuelos.

Quédanos por último, abordar a cuestión do ornato destas cidades de mortos. A imaxe ordinaria que temos do noso cemiterio, sempre adornado con frores ao longo de todo o ano, é moi recente; tanto que non vai máis aló dos anos oitenta do pasado século. Antes diso, só se recordaba aos defuntos cando o marcaba a súa festividade no calendario. E si alguén quería ir ao camposanto fóra desa data, entón tiña que pedir a chave á familia do último fregués que se enterrara, e unha vez dentro, arrincar co fouciño as malas herbas que medraban en redor da sepultura a visitar.

Mais, ao chegar o Día de Defuntos, a escena mudaba por completo. Cada familia limpaba e arranxaba o lugar de descanso dos seus seres queridos do mellor xeito posible. As flores eran escasas ?non se cultivaban e tampouco había tendas de flores?, pero as coroas abundaban. Nestas datas florece a hedra, que se empregaba, xunto co acivro, para elaboralas. O aro central facíase coas pandeiretas dos arenques, que se cubrían con palla e servían de base para o adorno con estas plantas. Era pouco habitual, mais de cando en vez algunha flor de crisantemo asomaba entre a hedra.

*Herminia Pernas Oroza, cronista oficial de Burela e profesora de Historia no IES Monte Castelo de Burela.