Sairán ás 9,30 da mañá, inscriben en Seguros Akilino-Mapfre; o prezo é de 45 euros para os socios e 50 para os que non socios
06 oct 2025 . Actualizado a las 17:35 h.O Seminario de Estudos Terra de Viveiro organiza unha excursión cultural a Lugo o vindeiro 12 de outubro, «Domingo das Mozas». Durante a viaxe farán unha parada no antigo mesón de Vázquez, en Muras, para visitar a exposición «Vigo, Muras. Serigrafía Galega 1971», unha homenaxe aos irmáns Álvarez Blázquez, que reúne 41 serigrafías saídas do obradoiro da Serigrafía Galega (Sega). Na mostra poderemos ver obras de artistas tan significativos como Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, Virxilio, Prego, Xosé Luís de Dios ou os irmáns Quesada.
Unha vez en Lugo, «os que o desexen poden acompañarnos ao Museo Provincial, onde veremos a exposición O Vestiario das Almas Pintadas. A indumentaria galega nos cadros costumistas. A mostra abrangue unha experiencia singular, 45 manequíns con máis de 600 pezas de roupa antiga ou reproducións fieis, xunto con pezas de ourivería e elementos etnográficos da vida cotiá de antano, expostos ao lado das obras pictóricas orixinais do Museo».
«Ademais -explican-, visitaremos o casco antigo, as variadas exposicións, mostras de artesanía popular, actuacións musicais e demais eventos nas rúas ou no recinto feiral. Tamén faremos unha visita as rúas tradicionais dos viños e, despois, xantaremos na Pulpería Restaurante Manolo de Marce, co seguinte menú: ración de polbo por persoa, carne á maragata, pan, cachelos, viño, bebidas, sobremesa a elixir, café ou té. A saída será ás 9,30 horas da mañá da Estación de Autobuses de Viveiro, regresando aproximadamente ás 22 horas. Prezos: 45 euros socios e 50 non socios. Retirada de tiques en Seguros Akilino-Mapfre».