Lionel Rexes, escritor de Alfoz, vén de gañar o Premio Balbino con «As damas da noite»
15 sep 2025 . Actualizado a las 18:18 h.«Escrita cunha prosa poderosa, de diálogos incisivos, As donas da noite é unha proposta que agradará a aquel lectorado que desexe contemplar o noso rural cunha outra ollada». Así describiu o xurado do X Concurso Balbino de Relatos a obra «As donas da noite», da autoría de Lionel Rexes, escritor residente no concello do Alfoz do Castrodouro, texto co que resultou gañador desa décima edición.
O veredicto, que premiou a novela por unanimidade, emitiuno un xurado composto por reputados profesionais do sector, entre os que se atopaban Carlos Loureiro (profesor e escritor), Fernando González Graña (escritor e dramaturgo), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor e crítico literario).
O xurado destaca tamén nesta obra «a súa inmersión nun rural galego poliédrico no que convive o herdo espiritual de séculos coas novas realidades sociais, laborais e relacionais». Así mesmo, puxo en valor «a súa a visión dunha aldea complexa, arredada do bucolismo idílico doutrora, que nestas páxinas é substituído por poderosas personaxes que nos enfrontan coas problemáticas de supervivencia do noso agro, os movementos asociativos de base e a convivencia entre tradición e modernidade».
O texto gañador de Lionel Rexes recibirá 1.500 euros en concepto de premio e será publicado por Edicións Fervenza. Lionel Rexes é bo coñecedor do mundo rural na Mariña, onde reside, e outras novelas súas, tamén premiadas anteriormente, reflicten ese mundo, aínda que desde outras perspectivas. De feito, o rural é, en boa parte, o eixo central da súa narrativa, un mundo que tan ben coñece o autor.
A novela, explica, «vai dun grupo de estudantes que abandona a cidade por uns días co obxectivo de artellar a implantación dun sindicato no ámbito universitario, porén, a vida na casa familiar dun deles, inserida nunha área rural totalmente allea ao seu modo de vida, obrigaraos a estabelecer contacto cun mundo que por veces lles resulta extravagante. Coincidindo coa súa chegada, un estraño accidente de tránsito conmove a localidade, e algo arredor do suceso parece provocar un delator silencio na veciñanza».
Lionel Rexes iníciase no relato curto e dá o salto á novela co Premio Manuel Lueiro Rey, do Concello do Grove, por «A raíña das velutinas» en 2017, premio que volve obter en 2021 por «A montaña do poeta». Pouco despois gaña o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta pola obra Nove lúas, publicada en 2024, ano en que tamén queda finalista no Premio Irmáns Vilar Ponte de novela, que promove o Concello de Viveiro, por «O terceiro desexo». Fará tamén unha incursión na escrita dramática gañando o premio de teatro infantil “O Facho”, en 2023, por «Están chovendo flores». Algunhas das súas obras foron cualificadas pola crítica como thrillers telúricos, textos que ofrecen unha visión alternativa do rural e sempre afastada de enfoques bucólicos ou tópicos, aínda que sen esquecer a tradición oral da que o autor é entusiasta estudoso e divulgador.
As donas da noite (Premio “Balbino” 2025) afonda no estupor dun grupo de mozos sumido, accidentalmente, nunha realidade aldeá onde a superstición verniza todo aquilo que non se manifesta explicitamente.
Hai que dicir que baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega, Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdíu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia. De periodicidade anual, os orixinais presentados deben presentar como temática o rural, o mar ou a emigración.