Con 90 aniños recén cumpridos, neste 28 de xullo deixounos o tío Ernesto. Natural de Nogueiroá, Miñotos, no concello de Ourol, Ernesto Orosa foi o oitavo de 10 irmaos e a diferenza da maioría deles, sería un dos poucos que non colleu as maletas camiño de América. Por circunstancias da vida, faría a súa vida na súa aldea natal coa súa muller Elena, á que tamén é xusto lembrar aquí nestas liñas, pois foi unha muller que o daba todo (e máis) por aquelas persoas ás que máis quería. En Miñotos pasarían a maior parte da súa vida, ata os últimos anos nos que se mudaron a Viveiro para estar cerca do seu fillo Alejandro e na procura de certas comodidades que aos seus anos xa non atopaban nun concello castigado pola emigración e o abandono.
As despedidas dun familiar sempre son tristes, máis aínda se cabe cando deixa tras de si moitas vivencias, momentos e aprendizaxes que acompañan a un o resto da súa vida. Ernesto era tío avó por vía materna, pero para min foi case (ou sen “case”) como un terceiro avó. Deixa en min moitos recordos da infancia, desa etapa na que un vai construíndo o seu mundo interior e forxando as bases do seu futuro.
Ernesto deixounos cunha lucidez envexable para a súa idade. Tampouco é de estrañar nunha persoa que amosou sempre unha memoria que poría a proba algúns dos discos duros máis potentes dos nosos días. Levaba no seu maxín a sabiduría de toda unha era, a memoria dun pobo transmitida de boca en boca durante decenios e que hoxe esvaece entre as mans. Para min foi a conexión directa con ese pasado remoto e telúrico dun dos últimos representates da nosa “tribo”. Con el visitei as “Uchas do Penido Vello”, túmulos megalíticos dos montes de Miñotos, onde segundo conta a lenda, uns veciños de Herbellás atoparían un cabrito de Ouro. Con el tamén puiden escoitar o son da fervenza de Soutullo, visitar as fragas de Cerdeiras, o monte do Buio, o Pau da Vella, o muíño Novo, o muíño das Arceas… Del aprendín tamén palabras que son como tesouros e mesmo degustar os “amorillós” (arandos silvestres).
Pouca escola, mais posuídor dun coñecemento enciclópedico. A el acudían moitos familiares, veciños e herdeiros varios na procura de numerosas fincas, que el atopaba con sorprendente exactitude. Quen lle dera a Google Maps localizar lugares con esa precisión milimétrica, situando no seu mapa mental cada topónimo por pequeno que ese lugar fose. Capaz de localizar os “marcos” (pedreiros) por agochados que estivesen e de indicar todos e cada un dos testantes sen a axuda de ningún dispositivo tecnolóxico.
Déixanos a persoa, mais tamén nos deixa un modo de vida. Queda o seu exemplo, a súa humildade, o seu servizo desinteresado a quen así llo solicitaba, compartindo o seu coñecemento con quen o precisara. Todo un exemplo, moitas veces inxustamente xulgado a ollos dos que nacemos noutra era. Créndonos con superioridade moral para xulgar a quen non só mantivo viva a memoria colectiva do noso pobo, se non tamén a quen axudou a conservar o espazo que habitamos e a preservar o medio natural que foi o medio de vida de moitos e moitas durante centos de anos.
Resoe o seu nome nos vales e montes de Miñotos.
Roberto Bouza Orosa