O Concello de Cervo, premiado co Diploma de Ouro polas súas praias sen fume

La Voz

A MARIÑA

No disponible

É unha iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade

18 jul 2025 . Actualizado a las 17:38 h.

O Concello de Cervo vén de ser recoñecido co Diploma de Ouro no marco do programa autonómico Praias sen Fume, promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, recolleu o galardón nun acto que tivo lugar este ano no municipio de Ponteareas, da man do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

Explicou que este recoñecemento supón unha distinción ao compromiso do municipio coa saúde pública e o coidado ambiental, xa que as praias de O Torno, A Caosa, Cubelas e Rueta forman parte da rede galega de areais libres de fume. A rexedora tamén destacou durante o acto «que un dos principais obxectivos desta iniciativa, posta en marcha no ano 2016, é concienciar e educar, especialmente ás novas xeracións, sobre a importancia de entender que o normal é non fumar, e que debemos preservar as praias como espazos compartidos e saudables».

«As cabichas e o fume deterioran a contorna natural e afectan negativamente á experiencia de quen nos visita, ademais de prexudicar a fauna mariña. Por iso, desde o Concello apostamos por espazos libres de fume como símbolo dun compromiso real coa saúde e a sostibilidade», engadiu García Caramés.

Cómpre lembrar que esta iniciativa non implica sancións nin vixilancia, senón que se basea nunha adhesión voluntaria, buscando a implicación activa da cidadanía para facer das praias un exemplo de convivencia, respecto e conciencia ambiental. Con este diploma, Cervo forma parte dun grupo de 31 concellos galegos e 115 praias que comparten o obxectivo de promover unha costa máis limpa, segura e respectuosa co medio.