O viveirense Adrián Ben, mellor atleta galego absoluto do ano en homes

La Voz

A MARIÑA

MIGUEL GUTIERREZ

Recibiu ata seis distincións na Gala da Federación Galega de Atletismo, que foron recollidas polo seu pai, Antonio Ben

31 may 2025 . Actualizado a las 15:04 h.

Este pasado venres tivo lugar en Santiago de Compostela a Gala do Atletismo galego que premiu aos mellores atletas galegos e galegas do ano 2024. O viveirense Adrián Ben foi recoñecido como mellor atleta galego absoluto do ano na categoría de homes. En total, Adrián Ben recibiu seis premios nesta gala (polas súas destacadas participacións en distintos campionatos), que foron recollidos polo seu pai, Antonio Ben.

A Gala do Atletismo Galego celebrouse no auditorio do Gaiás, na Cidade de Cultura, cunha moi boa entrada.

Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega, abría esta edición na que estivo agradecendo a todos a súa asistencia e poñendo en valor os grandes éxitos logrados polo noso deporte ao longo do 2024.

Un momento emotivo foi a distinción ca máxima condecoración da Federación Galega a Isidoro Hornillos quen recibía «agradecido e orgulloso» este premio.

Ana Peleteiro e Adrián Ben, foron os galardoados como mellores atletas absolutos do ano 2024, ao igual que Ester Pedrosa e Juan Morales na categoría máster; Sabela Castelo e Hugo Casañas na Sub16; Aixa Corbacho e Asheber Díaz na Sub18; Aldara Meilán e Fernando Vallines (do Maderas Barcia Lourenzá) na Sub20 e Xiana Lago e Hugo Vázquez na Sub23.