Ramón Ares: «Estamos traballando para facer o máis atractivas posibles as prazas do hospital e intentar cubrilas con seguridade e estabilidade»

y. g. BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Xaime Ramallal

O xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, aborda a situación do complexo hospitalario: «Estamos facendo un esforzo enorme porque hai unha escaseza importante de profesionais»

13 may 2025 . Actualizado a las 22:52 h.

Ao carón da directora do centro burelense María José Cortés, o xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, lembrou a radiografía actual da situación do Hospital Público da Mariña: «Temos problemas en determinados servizos, sobre todo por unha escaseza clara de facultativos, que afecta a nivel de toda España, ao que hai que engadir un proceso no que houbo un concurso de traslados, e no que participaron profesionais que marcharon, e a fase de resolución dunha OPE (Oferta Pública de Emprego) e un concurso de méritos onde se ofertan 24 prazas no hospital da Mariña. Na primeira fase xa se cubriu un determinado número e vaise resolver a segunda, onde esperamos que se podan cubrir, se non todas, o maior número das ofertadas. É un proceso que leva tempo, de publicidade, de escolla de prazas, de presentación de recursos, etc... Tarda máis do que nos gustaría, pero é un proceso moi garantista. Debería mellorar de forma importante a situación puntal de determinados servizos».

_Agardan logo cubrir todas esas prazas que se ofertan e fidelizalas?

_Non sabemos pero a esperanza que temos é que son prazas en propiedade e que en todos os procesos que tivemos ata agora de OPE, as prazas foronse cubrindo, máis aló de que pediran excedencia e participen en calquera concurso de traslados como calquera funcionario público. Tamén estamos facendo cousas, contactando xente de plantilla para cubrir determinadas áreas. De feito, xa levamos tempo facendo contratos. Estamos facendo un esforzo enorme.

_Considera que antes este hospital podía ser 'máis atractivo' para que viñera persoal médico traballar aquí?

_Todo está en función da oferta e da demanda, que foi o que cambiou. Por atractivo debía ser, porque en canto á carteira de servizos este hospital creceu, os medios cos que conta son mellores agora que os que había antes, o hospital ampliouse, a plantilla creceu nos últimos anos en máis de 20 prazas de médicos, en prazas estructurais que están aí e que, nalgún momento, podan estar máis ou menos cubertas. Agora hai moita oferta de prazas en todos os sitios, pero tamén é certo que temos unha escaseza importante de profesionais, con capacidade de elección para poder traballar onde queiran. Ese é o escenario. O que temos que facer é todo o esforzo posible, un esforzo enorme, para facer máis atractivas posibles as prazas do Hospital Público da Mariña, que é no que estamos traballando, e intentar cubrilas con seguridade. E estabilidade.

_Estanse incorporando facultativos agora mesmo e en que áreas por exemplo?

_Hai incorporación de facultativos en Cardioloxía, Dixestivo, Farmacia, Anatomía Patolóxica, Medicina interna (en breve) e outras que van ir en segunda convocatoria en Uroloxía, Medicina Interna, Cardioloxía, Dixestivo, Raios... e agardamos que se cubran. Ao mesmo tempo, profesionais de Lugo están vindo a traballar a Burela. É unha forma de intentar ter a plantilla cuberta.

_Cales serían as áreas máis delicadas ou complexas de cubrir neste centro?

_Por exemplo, o concurso de traslados fixo que marcharan catro internistas de aquí. Temos tres contratados que nos están axudando a ter as gardas atendidas, que é algo importante. É fundamental. Xunto cos especialistas da área de medicina interna que veñen de Lugo. Esa plantilla prácticamente está estabilizada e equilibrada para facer aquí toda a actividade. Medicina Interna era unha das áreas máis difíciles. En Cardioloxía había moita escaseza, por haber só un cardiólogo traballando, pero neste proceso xa hai unha segunda praza que colleu outro cardiólogo, que xa está traballando, e a maiores esperamos que na segunda se incorpore outro, tendo en conta tamén os que veñen de Lugo para intentar recuperar a actividade. En Dixestivo puxemos unha praza máis e coa incorporación agora dun dixestólogo está a plantilla completa, que imos ampliar coa OPE. En Radioloxía estamos esperando que se incorpore un especialista máis, e en Uroloxía o segundo urólogo, que estaba de baixa paternal, xa se incorporou, co cal temos dous traballando na área e esperamos que o terceiro se incorpore na segunda parte da OPE. Así, pouco a pouco nos permite normalizar a plantilla.

_Mentres, segue a haber protestas tanto por parte de usuarios do hospital como de profesionais.

_Somos conscientes de que para cada persoa, o seu, a súa situación, é o máis importante. Á hora de garantizar a actividade asistencial imos cubrindo necesidades e temos unha principal que é cubrir toda urxencia, aparte de ter cuberta toda a hospitalización. É certo que onde costa máis manter a actividade regular é nas consultas. Entendemos que haxa xente que se queixe de que as demoras son máis grandes pero intentamos priorizar aquilo que clinicamente é máis relevante e non pode esperar, que é urxente. Os únicos criteiros que manexamos, obxectivos, son os clínicos. A veces hai que trasladar pacientes ao HULA, cando a prioridade clínica é importante.

Xaime Ramallal

«A media do número de traslados á semana é de dous ou de menos de dous pacientes»

_Falando de traslados, falan dun 2%.

_De traslados, no que vai de ano, dende xaneiro ata o día 5 de maio, por exemplo na área de Cardioloxía, estamos a falar de 21 pacientes en catro meses. Unha media que sae a menos de dous pacientes por semana. No resto de especialidades médicas foron 20. Unha semana non se trasladou ningún paciente e outras puideron coincidir catro. O obxectivo do Hospital Público da Mariña é que o que se poida facer aquí, se faga aquí, polo que estamos pelexando. Ese é un criterio absolutamente estratéxico: que o hospital sexa o máis autónomo posible porque ten pouco que ver co resto dos hospitais pequenos ou comarcais, ten unha cantidade de servizos moi completa, máis grande que o resto dos hospitais do seu tamaño. Incluso estamos aumentando a carteira de servizos para que haxa máis capacidade de resolución aquí. A veces, custa ter toda a plantilla cuberta e iso reséntese máis nas consultas.

«Que o hospital sexa o máis autónomo posible porque ten pouco que ver co resto dos hospitais pequenos ou comarcais»

 _Tamén cambia bastante a problemática sanitaria no verán. Como se está a preparar o Hospital Público da Mariña de cara a nova temporada estival?

_Esperemos ter de aquí ao verán algunha resposta máis, coa resolución da OPE, e coas novas incorporacións. O verán non é unha situación nova, pero sabemos que cambia o tipo de patoloxía que se atende. Vacacións e permisos hainos todos os anos e axustamos en función das necesidades, que son diferentes ao resto do ano. O número de consultas está algo por encima, pero non repercute tanto na hospitalización. Si que se incrementa a demanda en urxencias, pero non o número de ingresados. Cambia a tipoloxía do paciente, que obliga a adaptarse ás circunstancias do verán.

_ Eliminouse algún servizo no hospital nos últimos anos?

_Non. Ao contrario, incrementamos as prazas de médicos en máis de 25. Non se amortizou ningunha praza. Agradecemos o esforzo enorme que fan todos os profesionais para intentar manter toda a actividade, porque é fundamental garantir a asistencia sanitaria. Volvo a repetir que estamos nunha situación complexa, nunhas especialidades máis ca noutras, porque non hai especialistas, e estamos adoptando todas as medidas posibles para intentar mellorar a situación. Doulle tamén as grazas á directora, María José, polo traballo e esforzo que se está facendo e a veces en situacións complicadas.

 Datos en 15 anos

Según datos que facilitaron tanto Ramón Ares como María José Cortés, quen destacou ao hospital mariñán por ter unha área de UCI «bastante completa» e como «factor diferencial» con respecto a outros centros hospitalarios, en 2010 o cadro de persoal era de 102 médicos e en 2025 125, ao igual que no de enfermería pasou de 150 traballadores a 193 neses 15 anos: «O conxunto da plantilla aumentou en quince anos en 154 prazas máis, un 28,5%, case un 30%». Ares suma unha década na xerencia da área, pero antes fora director do centro, etapa que lembrou como «unha das mellores da miña vida profesional».

«A ampliación do hospital non só trouxo melloras nos espazos senón tamén tecnolóxicas»

«A ampliación do hospital _comentou Cortés pola súa parte_ non só trouxo melloras nos espazos senón tamén tecnolóxicas porque practicamente foronse renovando os aparatos e a tecnoloxía asociada». Así, destacou Ares «a dotación tecnolóxica en Uroloxía para facer a cirurxía de próstata, con láser. Menos o Da Vinci, que é robótica, queremos que a mesma dotación que ten o HULA  estea aquí; de feito, xa están formados os urólogos de aquí que poden operar alí. Queremos que os pacientes da Mariña teñan a mesma equidad. Este é un modelo de integración funcional, que é o mesmo que en Oncoloxía».

Sendo o Día Mundial da Enfermería, a directora quixo destacar o traballo deses profesionais do Hospital Público da Mariña engadindo «a felicitación e agradecemento para todo o persoal que son auxiliares, enfermeiros, técnicos, matronas, ademais de fisioterapeutas... É un colectivo moi numeroso e unha das pezas fundamentais do hospital». «A defensa que estamos a facer da sanidade pública e do hospital da Mariña é tremenda. Hai que xestionar co que tes e co que consigues ter», rematou Ares.