Vicepresidencia da Deputación leva a Mondoñedo a exposición «Universo Vizoso», en memoria ao gran artista mindoniense falecido

La Voz

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Está aberta ao público no centro sociocomunitario da cidade episcopal, reúne un cento de carteis e ilustracións

09 may 2025 . Actualizado a las 17:44 h.

O Centro Sociocomunitario de Mondoñedo acolle durante este mes a exposición «Universo Vizoso», comisariada por Aser Álvarez e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A mostra reúne preto dun cento de carteis e ilustracións, que amosan a evolución creativa do gran artista mindoniense falecido recentemente, alén da súa traxectoria como deseñador de Sargadelos, e inclúe a súa escultura San Froilán, unha peza do Museo Provincial de Lugo que sae por primeira vez desta espazo para acompañar a itinerancia da exposición.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, do BNG, participou na inauguración, onde explicou «que a mostra xurdiu como unha proposta para recoñecer e divulgar a obra de Xosé Vizoso no marco do Día da Ilustración, que se dedicou este ano á súa obra; a itinerancia da mostra en Mondoñedo é un recoñecemento e homenaxe á súa orixe, que estivo moi presente na súa traxectoria creativa a través de elementos como os cabalos».

Ademais da obra, a exposición inclúe fotografías do arquivo familiar de Xosé Vizoso e códigos QR con ligazón a pezas audiovisuais con diversos testemuños de Xosé Vizoso. Unha mostra especialmente interesante para a xente de Mondoñedo, de onde era o gran ilustrador Xosé Vizoso.