Deshumanizan o centro urbano de Foz

Javier Castiñeira

A MARIÑA

PEPA LOSADA

10 may 2025 . Actualizado a las 10:44 h.

Dede o Partido Popular de Foz acusamos a Cajoto de levar a cabo un modelo urbanístico que deshumaniza o centro da vila, maltrata espazos públicos e esquece por completo ás persoas. O único obxectivo de Cajoto é borrar todo o feito polo anterior goberno do Partido Popular, aínda que iso implique malgastar centos de miles de euros e complicarlle a vida á veciñanza.

As obras no Barrio das Casas Baratas levan máis de dous anos de atraso e un sobrecusto que ronda os 150.000 euros. É unha auténtica vergoña que os veciños leven tanto tempo sufrindo esta situación. Cajoto prometeu solucionar isto e o que fai é agravar o problema. A esta situación engádense modificacións innecesarias nos proxectos aprobados polas corporacións anteriores, así como gastos sen sentido en actuacións como os novos aparcadoiros na intersección entre Illanova e a Avenida de Sarria.

Desde o Partido Popular criticamos o afán do alcalde por desfacer todo o realizado durante os mandatos deste que escribe, Javier Castiñeira. A remodelación da Avenida da Mariña é un exemplo claro, onde acusamos a Cajoto de destruír unha das zonas máis humanas de Foz. Elimináronse arbores para pintar pasos de peóns enfronte e colocáronse bolardos que restan espazo peonil e devolven o protagonismo ao asfalto.

Mentres tanto, outras rúas da vila seguen abandonadas, con fochancas que medran día a día e pasos de peóns mal pintados, como o que hai diante do edificio de Telefónica, a carón do Colexio Público Nº 1, con evidente risco para a seguridade.  O modelo de Cajoto é frío, gris e hostil. Mentres presume de modernidade, está acabando coa esencia do centro de Foz.

Desde o Partido Popular denunciamos tamén a falta de diálogo do alcalde cos veciños: Cajoto non escoita a ninguén, nin asociacións, nin comerciantes, nin oposición. O seu afán por cambialo todo está hipotecando a mobilidade da vila por décadas.

Se hai un título que define ao alcalde é este: Cajoto, o deshumanizador do centro urbano de Foz.

* J. Javier Castiñeiras, exalcalde e portavoz do PP de Foz.