Centos de persoas acudiron á convocatoria do BNG en Ribadeo por unha mellor atención primaria «con todos os servizos»
A MARIÑA
Segundo o Bloque, acudiron «en torno a medio milleiro de persoas»; din que «preocupa especialmente a ausencia prolongada do pediatra no centro de saúde »
22 feb 2025 . Actualizado a las 14:51 h.Centos de persoas acudiron á convocatoria do BNG en Ribadeo para demandar unha mellor atención primaria «con todos os servizos». Segundo o Bloque, asistiron «en torno a medio milleiro de persoas» e din que «preocupa especialmente a ausencia prolongada do pediatra».
«A pesar do mal tempo na mañá deste sábado -sinalan desde o BNG- en torno a medio milleiro de persoas acudiron á convocatoria do Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo para reclamar todos os servizos cos que o Centro de Saúde non conta. Nesta concentración o BNG quixo facerse eco do deterioro da atención primaria que os e as ribadenses levan moitos meses padecendo. Preocupa especialmente a ausencia prolongada do pediatra no noso Centro de Saúde, ao igual que a falta de matrona e as múltiples vacantes de medicina de familia que van producirse e que xa se están a padecer».
«Desde o BNG temos claro que a situación actual da nosa sanidade débese a máis de 15 anos de recortes e deterioro por parte dos gobernos do Partido Popular», manifestaron. O voceiro municipal, Pablo Vizoso, afirmou: «Temos un goberno do PP máis preocupado en criticar ao BNG por defender os dereitos dos e das ribadenses ca en garantir unha Atención Primaria digna. Un goberno do PP que ten a sanidade pública abandonada, cuns orzamentos ridículos para a Atención Primaria e co obxectivo claro de deteriorar os servizos públicos en beneficio da sanidade privada. De pouco serve levantar ladrillos novos, se non temos médicos e profesionais que nos atendan».
Trala concentración, a concelleira Raquel Ferreira subliñou «o éxito da mesma» e quixo agradecer «o seu apoio ás persoas asistentes que se concentraron nunha mañá chuviosa para defender os dereitos de todos e todas».