A Pedreira: «Quero axudar á xente a sacar e soltar a súa voz porque falar é un poder»

y. garcia FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

ÓSCAR GÓRRIZ

Saiu á luz novo single Soltar, do disco Basal de A Pedreira (Ugia Pedreira), que centra esta etapa de vida en combinar arte e saúde, a súa formación psicolóxica e musical

22 abr 2024 . Actualizado a las 13:56 h.

O WhatsApp agocha por veces tesouros particulares que despois saen á luz, como unha conversa de amigas que acabou en forma de estribillo nunha canción: «Se me apuras tudo pais é aldeia, tudo estado família, tuda casa nação». Se me apuras sería o segundo single do novo disco de A Pedreira, Basal, despois de Soltar. Precisamente, a conversa coa mariñá Ugia Pedreira ten como contexto a publicación deste último tema, diferente e sorprendente, xusto cando imparte tamén en AlasRaíces, en Ourol, un taller de canto emocional que non deixou indiferentes a ningunha das asistentes, polo efecto terapéutico da propia voz, da nosa voz. Ela, ademáis de dedicarse á música, conta coa licenciatura en Psicoloxía. Une ambas vertentes no seu traballo profesional, indo máis aló do mero plano artístico.

_Por que é necesario ese tipo de traballo, non só a nivel colectivo, senón persoal, e por que é un dos camiños nos que traballa con especial énfase agora?

_Despois de moitos anos levando aulas de canto, un dos obstáculos que fun percibindo sempre é o de soltar a túa propia voz. Intentar ir á verdade da túa voz. Poderiamos dicir que somos o que comemos, pero tamén somos como dicimos as cousas, como falamos, como cantamos, onde hai moitos nudos, bloqueos, mentiras propias que un se cree, caretas que un se pon. Durante todos estes anos creo que un talento meu, ou un don, é axudar á xente a sacar a súa voz, a soltar a voz. É un poder o movemento consciente do corpo, igual que como falar é un poder. Esculpilo é bo para as relacións humanas en xeral, e para un mesmo ou mesma. Por exemplo, nas aulas de canto sempre lle dou máis importancia a iso que ao repertorio ou á melodía. Se a túa voz está na túa verdade, todo o resto flúe.

«Se a túa voz está na túa verdade, todo o resto flúe»

_Xa leva a vida dedicada á canción dende hai tanto tempo, pero que tivo que 'soltar' polo camiño?

_Primeiro tiven que querer soltar porque ata que tomas conciencia de, andas polo mundo con moitas caixas que non te pertencen, mobles doutros. Foi pensar 'isto de miña nai non me pertence a min' ou 'aquilo de miña filla non me pertence a min' ou 'iso dos meus amigos tampouco me pertence'. Dentro das nosas relacións co outras persoas, tamén hai que protexer un pouco a esencia de cada un de nós. Para min é o máis complicado... e o humano, ver canto podes coller a responsabilidade e as feridas do outro, medir incluso a pesar do apego, pero a favor do apego tamén. Para min cantar é exactamente como falar. Declamar, coma os gregos, había mestura entre poesía, fala, oratoria, discurso... Todo iso era unha amalgama. Eu estou aí.

ÓSCAR GÓRRIZ

_Agora chega con Basal. Novo disco. Con que Pedreira nos atopamos?
_Neste novo disco decidín vivir sin prexuizos, moi claramente, a miña licenciatura de Psicoloxía, coa música.  Síntome máis unha comunicadora de ideas e tocoume o líquido musical, pero igual que me podía ter tocado a pintura. Digamos que para min a música é unha deusa que se postrou encima, por dicilo así. Tiña que ir por ese camiño. Eu quero comunicar ideas, sentimentos... e a través da música e dunha maneira consciente. Desta vez hai moitos temas da psicoloxía que me interesan: da diversidade funcional, do corpo, do fogar, da discapacidade, da capacidade... Por iso o primeiro single tituleino Soltar porque leva unha mensaxe clara do que acabo de dicir, vai de soltar pesos, soltar a voz, soltar as feridas que non te corresponden.

_Como está a ser a resposta de Soltar entre o público?

_Ben. Eu son unha vella nena na música. Desaparecín durante un longo tempo do panorama convenciona. Estou achegándome a novos mundos, que tamén eran vellos, pero son novos porque nunca me sentín moi ben coa palabra «industria» sempre máis na palabra «arte-saúde» da música. Chegando de novo agora a determinados lugares. Teño unha banda extraordinaria. Teño unha sorte de banda. Quería soltar tamén o control rutinario, pois estaba cansa dos ensaios, de repetir todas as cancións iguais, e eu quería algo máis dinámico, improvisatorio e libre. Pouco a pouco o estamos conseguindo. Na banda está Alejandro Vargas, pianista de jazz que agora xoga cos sintetizadores e xa foi erudito en Cuba; Mauricio Caruso que é un guitarrista brasileño cunha mestura moi linda entre a guitarra rock e a da bossan nova e a da clásica; e Lorena Cachito, que é baterista de Ferrol que estudou en Inglaterra batería e é a bomba. Son os músicos dos meus concertos de A Pedreira. Posiblemente a presentación do disco sexa en xuño. 

 _Lembra a primeira vez que se subiu a un escenario?

_Empecei na música aos 25 anos de maneira profesional, pero a primeira vez que me subín a un palco foi nun festival de canción que gañei, en Benquerencia, con 14 anos. Dende os 25 dinlle moitas voltas e fixen moitos discos. Se teño que pedir algo á vida é que manteña no palco e espabilada e lista para seguir compoñendo e seguir disfrutando da escena, como Cesárea Évora. Teño 53 anos e quero dicir algo importante: creo que a cultura dun país ou pobo mídese polos cuidados que se teñan tamén aos artistas. Eu son moi fan de que Pilocha estea viva e cantando, estou feliz de que María Manuela estea ben de saúde, e que todas as miñas compañeiras que son maiores ca min podan seguir disfrutando da canción en saúde. A cultura progresa porque hai relevo, pero o equilibio está entre o relevo e os coidados aos nosos maiores.