Rosalía, Sebastián Yatra e Nathy Peluso «cólanse» no IES María Sarmiento en Viveiro

y. garcia RIBADEO/LA VOZ

A MARIÑA

CRIS ANDINA

A fotógrafa ribadense Cris Andina repasa nunha exposición parte do seu traballo que cubre en festivais como O Son do Camiño ou Portamérica e vén de participar no último filme de Darío Autrán El tirabeque

13 mar 2024 . Actualizado a las 18:35 h.

Cris Andina (Ribadeo, 1978) é fotógrafa de Ribadeo. Vive actualmente entre A Coruña e As Pontes. Volve a A Mariña coa exposición, ata mediados de mes no IES María Sarmiento de Viveiro, dunha serie de imaxes nun pasillo tan estreito que é inevitable non atoparse «cara a cara» coa mesma Rosalía. Si, a cantante que acaba de acadar un Grammy Latino polo seu disco Motomami. Ou a Sebastián Yatra, ou a Sting, ou Iggy Pop. Ou a tantos outros artistas aos que a cámara de Andina captou cunha explosión de enerxía sobre o escenario. Forman parte do seu traballo en festivais, ao que hai que engadir outros como books de actores: «Móvome moito no sector audiovisual e de concertos por Galicia. Sempre tiven bastante sorte e os artistas tratáronme moi ben á hora de facer as fotos».

Cris Andina

_No caso dos books de actores, siguen demandándose?

_Si, é útil porque os actores precisan un estilo de foto específico para enviar a un cásting. Adoitan ser fotos de estudo. Para min, é un traballo completamente diferente, non espontáneo coma o que fago normalmente en concertos ou para a prensa. É como un traballo de investigación porque hai actores que non coñezo personalmente, pero teño que coñecelos para gañarme a súa confianza e que saian o máis naturais posibles. Moita xente pensa que ante a cámara saben moverse, pero non é o mesmo interpretarse a si mesmos que a unha personaxe.

«Houbo xente do mundo dos actores e actrices que me impactou moito, como Blanca Portillo»

_Algún actor ou actriz coñecido lle chamou a atención de forma especial polo que lle transmitía?

_Cando fixen a exposición Outra pel, outro rostro en Ribadeo houbo xente que me impactou moito, como por exemplo Blanca Portillo, cunha calidade humana brutal, en todo momento pendente de ti e encollendo o corazón a maneira que tiña de transmitir, aparte do trato. Impresionoume moito porque pensas 'é unha súperactriz' e non sabes se vai chegar en plan diva ou non, pero foi moi natural comigo.

Cris Andina

_Como naceu a mostra que pode verse no instituto viveirense?

_Esa exposición foi mutando, porque naceu igual hai cinco ou seis anos, inicialmente para expoñer nas bodegas de Martín Codax. Logo, hai tres ou catro, aproveitei para engadir algunha fotografía máis á exposición, chamándolle Sete anos de música. Esta, a do IES María Sarmiento, é Recopilatorio musical. Gústame que se vexan fotos de cando empecei na fotografía, en 2003, ainda que os meus estudos eran de informática.

CRIS ANDINA

_Das imaxes que amosa no centro, cales chaman máis a atención ao alumnado?

_Rosalía é o foco de atención dos rapaces. Xa cando estaba montando a exposición, fixeime. Miraban de reollo e unha rapaza dille a unha compañeira: 'É Rosalía!'. Metina como gancho, igual que as fotos de Nathy Peluso, Sebastián Yatra... E pensando máis nos profes [sorrí] as de Sting, Chrissie Hynde de The Pretenders, Hombres G, Leonor Watling de Marlango, etc... Non lles puxen carteis, penso que ían facer unha especie de concurso para ver cantos artistas coñecían. Sería unha opción máis para aprender.

CRIS ANDINA

«Un concerto que me marcou foi o de Michelle David»

_Tivo algunha anécdota en particular nalgún concerto?

_Nun concerto, cada un vai ao seu traballo. Eu son moi respetuosa, sobre todo cos artistas. Si, hai unha anécdota que podo contar, dun grupo que non sei se foi o que me levou a dedicarme a fotografía de concertos, pero si que houbo un antes e un despois de fotografialo. Un día que levei unha cámara a unha sala, leveime unha sorpresa porque alí actuaba Michelle David & Lefties Soul Connection. Ela unha muller baixiña, pero cun estilo tremendo. A foto dela está na exposición do instituto. Aquel concerto marcoume, porque a raíz del pedíronme colaborar coa sala. Anos despois, volvín a coincidir noutro e a que levaba prensa presentouma... e Michelle David xa sabía quen era eu!

_En que festivais adoita traballar? Foi algunha vez ao Resurrection?

_Todo o ano teño o de Elas Son Artistas, que empeza por abril ata novembro, en A Coruña. É un festival humilde pero está moi ben porque está enfocado a mulleres artistas. Nunca puiden ir ao Resurrection, porque me coincide co Portamérica, ao que lle teño un cariño especial porque vou a el case dende o inicio. Tamén vou a O Son do Camiño, no que fago moitos quilómetros porque ando co peso do equipo dun lado para outro e acabo molida.

_En que máis proxectos está agora?

_Agora estou traballando moito máis con video que con foto, concretamente nun documental pequeno dunha oenegé chamada Ecos do Sur que ten un proxecto, un laboratorio teatral con mulleres inmigrantes.

_Algunha incursión paralelamente no mundo do cine?

_A última película na que participei está xusto agora en cines: El tirabeque, de Darío Autrán.