En defensa da sanidade pública

José Manuel Balseiro

A MARIÑA

XOÁN A. SOLER

01 oct 2022 . Actualizado a las 19:38 h.

A semana pasada, no pleno do Parlamento de Galicia, socialistas e nacionalistas votaban en contra da tramitación polo procedemento máis áxil e urxente da nova Lei, impulsada pola Xunta, e coa que se intenta solucionar o déficit de médicos e especialistas.

Son medidas, propostas polo Goberno galego, para animar aos médicos a que escollan para traballar hospitais como o da Mariña lucense e centros de saúde de contornas rurais onde, en demasiadas ocasións, quedan prazas vacantes.

A norma garante que especialistas coma traumatólogos, radiólogos ou internistas que queiran traballar nun hospital comarcal ou os especialistas en saúde mental, poidan acceder a unha praza en propiedade por concurso de méritos.

A Xunta opta por tomar medidas lexislativas extraordinarias para intentar solucionar, polo menos en parte, o déficit de médicos, unha situación que afecta a todas as comunidades autónomas e que se agravou tras a pandemia.

O Goberno galego non se queda de brazos cruzados aínda que non conte coa axuda do Goberno de Pedro Sánchez que continúa negándose á reforma da normativa estatal básica que permitiría ás autonomías -Galicia está disposta a sufragalo- formar e contratar máis profesionais.

O debate desta lei tamén supón unha nova oportunidade para retratar a socialistas e nacionalistas, dous partidos políticos moi dados a queixarse e utilizar as súas plataformas teledirixidas cada vez que hai dificultades nos hospitais e centros de saúde, pero que se opoñen a todas as iniciativas dirixidas á mellora da sanidade pública. O seu único obxectivo é atacar ao PP.

Esta semana a Lei volve ao Parlamento galego para a súa aprobación definitiva. PSOE e BNG teñen unha oportunidade de rectificar e non opoñerse ás medidas que a Xunta está a propoñer, no ámbito das súa competencias, para axudar a resolver o principal problema do sistema público de saúde: a falta de médicos. É o momento de demostrar, con feitos, quen están do lado das solucións.

 

Jose Manuel Balseiro Orol é deputado do Grupo Parlamentario Popular de Galicia.