Diego Alonso, cazador de fotos de la Vía Láctea: «Quero expremer A Mariña e Ortegal porque se encherán de fotógrafos top»

ramón gonzález rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Xaime Ramallal

O viveirense afonda na súa paixón, capturar de noite a Vía Lactea ou a lúa

14 sep 2022 . Actualizado a las 20:07 h.

Traballar a quendas quita horas de sono. Sábeo ben Diego Alonso Cobelo, de 31 anos, empregado dunha auxiliar de Alcoa. A este viveirense, a fotografía nocturna tamén lle complica durmir. Pero incluso a falta de descanso é un obstáculo menor cando se trata de satisfacer unha paixón.

—Canto hai que ten esta afección?

—Metinme nisto alá polo 2015, cando comprei a miña primeira cámara. No 2017 xa tiña un equipo pero ata hai dous anos e medio non din o paso de dedicarlle á fotografía a seriedade e o tempo que penso que require.

—Como aprendeu?

—Fun aprendendo de forma autodidacta, fixen algúns cursiños e tamén aprendo de moita xente por sorte atopei no camiño e que é un libro aberto: Julio Castro Pardo, Luis Cajete...

—E sempre lle tirou a fotografía nocturna?

—Desde o principio, pero non foi ata fai pouco que puiden facer un par de fotos que me encheron o ollo. Require de moitas horas. Afortunadamente a tecnoloxía axuda moito: pódense facer apilados de fotografías, ou hai ferramentas como o Star Tracker, que segue o movemento de rotación da terra e quita o ruído das imaxes, e daquela podes captar todas as cores.

DIEGO ALONSO COBELO

—Desde que espazos fai fotos?

—Teño fotos de saída da Lúa no Faro da Roncadoira, por exemplo, desde O Vicedo. E hai un par delas desde o banco de Loiba que me gustan bastante.

—A Mariña e Ortegal préstanse para este tipo de fotografía?

—Moito. O ceo nocturno de Loiba está xenial, porque non hai case nada de contaminación lumínica. E logo Muras ten o selo Starlite, está catalogado como un dos mellores lugares de España xunto á illa de Palma. O alto da Gañidoira é un espectáculo. Algún día virán aquí moitos fotógrafos «top», e por iso ata onde poido tento aproveitar e sacarlle partido.

—Imaxino que a graza non está só no resultado senón na busca.

—Ás veces vas buscar unha cousa e atopas outra. Ou botas unha hora e traes algo interesante, e estás cinco e non traes nada. Pero as vivencias son moi boas. Coñecer sitios espectaculares ao pé da túa casa é algo impresionante. Ou lembro unha vez que fomos aos Picos de Europa, Collado del Oso. É unha marabilla. Estar falando tranquilamente e que apareza unha cabra montesa de súpeto entre as pedras... Ou atopar covas. A Pena Furada baixei polas noites oito días seguidos, hai un cantil de 200 metros.

—Hai que ir con predisposición á aventura.

—A miña cámara vai sempre comigo, só sae do coche para conectarse ao ordenador (ri).

—Que sensación lle queda ao facer unha boa foto?

—É espectacular. Para min a fotografía é saber controlar a luz, e eso tento facer. A verdade é que cando pasa iso, aínda que volva para a casa ás cinco da mañá, gústame acender o ordenador e vela montada antes de deitarme.

—Que foto ten pendente?

—Gustaríame quitar unha Vía Láctea en inverno. Téñoo proxectado, pero para iso hei de facer noite nun sitio durante unhas dez horas, con marea alta, e esperar que baixe para volver. O ano que vén irei a Madeira, a fotografar fervenzas e capturar a Vía Láctea, a finais de abril ou primeiros de maio, que é cando comeza a verse o centro galáctico. E sempre lle tiven moitas ganas a Nova Zelanda, desde que vin documentais dese país.