«Arrisco a todo ou nada, pero espero amosar que hai un público para a arte»

RAMÓN GONZÁLEZ REY BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Goretti Regueira abrirá en Burela o día 2 unha tenda e galería na que venderá cadros, cerámica, xoiería, traballos en coiro ou fotografías

22 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 2 de xuño, a burelá Goretti Regueira cumprirá un soño ao abrir Cinza, unha galería e tenda de arte e artesanía que agarda encher un baleiro na comarca da Mariña. O establecemento, no número 1 da Praza da Mariña de Burela, xa chamou a atención entre a veciñanza antes da apertura pola súa fermosa fachada, pintada de cor verde como a esperanza que supón este proxecto para a emprendedora. «Esta é unha aposta a todo ou nada, pero agardo demostrar que hai un público», resalta.

Nese local con fachada «británica, dun estilo céltico», Regueira venderá cadros, cerámica de autor, traballos en coiro, xoiería ou fotografías. «Ao 100 % de produción galega», salienta. A empresaria xa ten acordos con algúns provedores -algúns mariñaos- e espera nos vindeiros meses a chegar a pactos con outros.

«En xoiería, vou comezar con Orfega, Sonia Ares e Ángel Porto. En cerámica de autor, terei á ferrolá Carmen Romero, que fai cousas preciosas e cheas de cor, inconfundibles, e tamén por suposto a Otero Regal. Estará A Cabuxa, que fai coiro serigrafiado, cousas moi orixinais. En Cinza haberá tamén láminas de Antón Caxoto, e algunha cousa miña, e ademais fotografías de Katy García», enumera Regueira.

«Sei que a miña é unha proposta arriscada, porque non se ven moitas do estilo na Mariña, aínda que si en Santiago ou na Coruña. Pero tiña este soño desde hai moitos anos, e penso que as cousas que se fan co corazón teñen máis probabilidades de éxito que aquelas que se fan con menos interese. Moita xente comentoume que está contenta de que haxa un espazo así na comarca», indica.

O soño que hai detrás de Cinza comezou a agromar hai anos, cando Regueira pertencía á directiva dos Aventados. «Coñecín a ceramistas, escultores... E daquela pensei no incómodo que resultaba mercar arte. Entón sempre pensei nunha tenda que poidese aglutinar as obras, non só para vender as que xa están rematadas senón para encargar outras novas. Deste xeito dinamízase a cultura e hai un beneficio para artista e tendeiro», expón.

Situado ao pé da biblioteca e da casa da cultura, nunha zona de moito tránsito, Cinza quere converterse tamén nun lugar para que aquelas persoas que queiran facerse «cun cachiño da arte galega» poidan facelo dun xeito cómodo. «Poderán ver un escaparate do que se fai neste país», afonda.

Goretti fai fincapé en que «Galicia é un lugar dunha creatividade inmensa», no que «tiras unha pedra e sae un artista» e no que «o deseño e a artesanía teñen unha gran canteira». Daquela entende que a arte é unha arma cargada de futuro, e máis cando razoa que «as máquinas ocupan algúns postos de traballo, pero neste sector non pode haber substitución posible para o lado humano».

 

Exposicións

Outro dos atractivos de Cinza serán as exposicións. Regueira concreta que no espazo haberá sempre unha mostra dun artista diferente.

«Durará máis ou menos un mes. Vou comezar por xente que coñezo e despois supoño que se irán sumando persoas que queiran colocar os seus cadros. O primeiro que vou ter é o acuarelista cervense Antón Caxoto, que é unha persoa moi especial para min porque foi con quen empecei a facer acuarelas», sostén.

 

«O nome vén de que sempre renazo, como a Ave Fénix, e tamén de que a cinza fai pensar no fogar»

Regueira, cuxa familia chegou a Burela no 1979, é delineante industrial de formación, aínda que o seu currículum é variado e extenso. «Logo comecei a traballar como decoradora de interiores, que me levou un pouco ao mundo da arte: tiven que aprender a debuxar, a facer acuarelas. Estiven tocando bastantes paus, e tamén traballei no Reino Unido nunha floristería, de auxiliar de clínica, de auxiliar de veterinaria, en xoiería, en moblería...», precisa.

Deste xeito, o nome de Cinza ten algo que ver con esta experiencia persoal. Regueira expón que «escollino porque sempre me sentín un pouco como a Ave Fénix. Bromeo un pouco coa miña vida porque estiven en tantos sectores e tantas empresas... Reinventeime moitas veces», relata.

«Para min este negocio é como renacer outra vez», afonda Regueira. «Tamén as cinzas son as do lume, as do fogar», engade. Coroa o logo un toxo. «Representa a bravura, o lado enxebre de Galicia», conclúe.