Mozos galegos e asturianos cítanse en Ribadeo nun torneo de rap: a «batalla de galos»

y. g. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

A competición, na que hai que improvisar, terá lugar este mércores pola tarde no Cine Teatro

08 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O estudo ribadense El Ático, do produtor musical e audiovisual Andrés Soria (Bruxelas, 1998), lánzase por primeira vez á celebración de eventos, coorganizando con A Mariña Battles a I Copa Ático de Freestyle, este mércores en Ribadeo (Cine Teatro, 17.00; apertura de portas ás 16.30).

—O xerme é o rap.

—Baixo a cultura hip hop, e do rap en concreto, créanse nos países de fala hispana, por 2015, distintos circuitos de freestyle. É unha disciplina na que dúas persoas teñen que ‘batallar' realmente, ‘atacarse' encima dunha base musical, rimando, facendo xogos métricos e todo o parecido que se poida a unha canción.

—Semella á regueifa galega?

—Parecido. Atopamos moitas similitudes entre estas batallas de freestyle e outras batallas líricas ao longo de España en xeral. En Galicia, por suposto! Galicia sempre foi unha potencia lírica, tanto escrita como musical. E a tradición oral é riquísima.

—Que se valora no freestyle?

—Que sexa improvisado no momento. O freestyle é estilo libre, soltar o que veña, os estímulos do momento, da música, do ambiente, das distintas probas que lles facemos aos participantes para demostrar que si, que improvisan en tempo real.

—Cal é o fin desta primeira cita?

—Achegar todo isto ao público xeral, para que vexa que merece a pena e que pode ser algo moi grande, porque é impresionante e divertido. Cautivou xa a millóns de persoas en países de fala hispana e está moi ben que máis xente poda apreciar isto e unirse a esta comunidade.

—Que vai medrando na Mariña...

—Aquí xa houbo moita tradición hai anos, cando se organizaron batallas de modo underground, en parques. Hai vídeos de A Mariña Battles, coa que coorganizamos este evento de Ribadeo, que teñen máis de cen mil visitas. O fenómeno do freestyle leva sendo grande na Mariña hai tempo e, ultimamente, grazas á axuda dos concellos [neste caso do de Ribadeo], é vital pasar de ser unha competición de parque a ser algo profesional. Parece que hai máis xente que se anima a organizar e participar nestas propostas. Aínda que nós non queremos perder esa esencia; estamos a gustísimo rapeando nun parque, ou nunha casa...

—Que probas se van realizar?

—Darémoslles distintas palabras no momento, que terán que rimar, e distintas temáticas.

—Como vai ser esta I Copa?

—Son 16 participantes de Galicia e Asturias, o xurado está conformado por xente de A Mariña Battles e persoas que cantan no Ático. Entre eles, Trasto, MYI, Jadel e Dory. O gañador vai levar a produción completa dunha canción. Poñemos todo da nosa parte para que sexa un éxito.