Covid con jet lag 2

Estíbaliz Veiga ARRIBA O PANO!

A MARIÑA

07 dic 2020 . Actualizado a las 21:31 h.

México DF. Novembro 2020. Sigo con jet lag. En plena pandemia mundial e segunda onda agresiva do Covid en España. A bendición do meu traballo é que aínda en plena turbulencia, hai momentos de acougo, paz e luz.

Iso foi para min entrevistar a Dona María de los Ángeles Comesaña, filla da muller que namorou do doutor Francisco Comesaña. O romance da parella inspirou «O Lapis do carpinteiro», a obra máis traducida e vendida da literatura galega de Manuel Rivas. Un socialista que foi condenado a unha morte conmutada por cadea perpetua. Choncha, a moza, seguiuno por prisións de toda España. Casou con el por poderes. Despois de sete anos de cárcere, lograron cambiar esa privación de liberdade polo exilio en Cuba e México, durante 32 anos. Na casa, chea de figuriñas de Sargadelos mesturadas con máscaras mallas, agardaba por nós o almorzo máis poético que vin nunca. Mango, plátano macho, melón... zumes de mil froitas, doces e tortillas salgadas típicas do país, todo delicioso.

Alí tamén coñecín ao seu fillo, o neto de Dona Chonchiña, Juan Vadillo, un roqueiro poeta que me agasallou coa súa última obra, «Romancero Gitano. De la tradición a las vanguardias», publicado en xaneiro deste mesmo ano, onde nos deleita cos seus coñecementos, propios da cátedra que imparte sobre a obra de Lorca na UNAM.

Un ambiente que arrecendía a flores mexicanas e esencia de Galicia. As publicacións de Castelao únicas envoltas dun rebozo, que tamén levo, presente da anfitrioa. Unha prenda tradicional, derivada do mestizaxe producido pola conquista española, normalmente de seda que serve para abrigar o pescozo ou mesmo levar ás crianzas no colo.

Despois de coñecer a súa historia que pronto poderemos compartir con vós pola TV, volamos a Sao Paulo. Seguirei co periplo por América, o lugar a onde nalgún tempo aínda se podía escapar para ter unha «vida mellor». Por favor , seguide coidándovos, eu fágoo todo o tempo.