Compón rap en galego e logra un 9,9 de media no Bacharelato

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Xosé Maseda Calvo, de 18 anos, estudará Filoloxía Galega logo de cursar o Bacharelato de Ciencias Puras no IES Vilar Ponte de Viveiro
Xosé Maseda Calvo, de 18 anos, estudará Filoloxía Galega logo de cursar o Bacharelato de Ciencias Puras no IES Vilar Ponte de Viveiro XAIME RAMALLAL

Un dos temas do viveirense Xosé Maseda Calvo, «Memorias dun adolescente», logrou 2.000 visualizacións en Youtube en apenas dúas horas

12 jun 2020 . Actualizado a las 09:24 h.

Xosé Maseda Calvo é especialista en organizar o tempo do que dispón. Este viveirense nado no 2002 é capaz de ser un alumno aplicado -acaba de conseguir a nota máis alta de segundo de Bacharelato do IES Vilar Ponte cun 9,9 de media-, practicar deporte, saír de festa cos amigos e ata de facer «os seus pinitos» na música compoñendo rap en galego. O primeiro tema que gravou e colgou na súa canle de Youtube (XMaseda65), titulado Memorias dun adolescente, logrou case 2.000 visualizacións en menos de dúas horas. «Tivo unha aceptación tremenda», recoñece o mozo, que estes días prepara a fondo as probas de acceso á universidade, que este ano, e de maneira excepcional debido ao coronavirus, terán lugar en pleno verán, no mes de xullo.

«Compaxino ben todo porque me gusta aproveitar o tempo ao máximo cando teño a fortaleza psicolóxica necesaria. Sempre intento buscar un anaco para facer algo de deporte e gústame ir ao ximnasio tres veces á semana, aínda que desde a corentena non vou. E en canto ao estudo, se estou na casa cinco horas mirando para a parede, prefiro ir tres á biblioteca e que me quede tempo libre para facer outras cousas. Gústame moito quedar cos amigos e practicamente todos os sábados quedo de noite. Dáme tempo a todo», comenta Xosé, que non deixa de sorprender, posto que o próximo curso estudará Filoloxía Galega aínda que cursou o Bacharelato de Ciencias Puras.

Descubrir a Dios ke te crew

E nesa decisión de cambiar as matemáticas, a física, a química ou o debuxo técnico polo estudo da ciencia que estuda a lingua e a literatura propias de Galicia, o rap tamén ten bastante que ver. «Sempre escoitaba rap en castelán, pero miñas irmás sempre poñían música no coche e sendo pequeno unha vez puxeron unha canción de Dios ke te crew, un grupo galego. Flipei! Na miña mente de neno pequeno só escoitara o galego na casa, na TVG e na escola ás veces, e quedei flipando con que se podía facer rap en galego», explica o rapaz. Esa «toma de conciencia» animouno a empezar a escribir rap na súa lingua materna.

«Aínda que parece que vai todo para abaixo, que as novas xeracións van a peor e, o que si é certo, que nos estamos cargando o planeta, creo que tampouco é todo tan malo. O que pasa é que os malos fan moito máis ruído que os bos», Xosé Maseda Calvo, estudante viveirense de 18 anos