En 1977 Cunqueiro pregúntase que serán os kreplach xudeus e imaxina que poden ser como torradas, filloas ou crepes. Pode que o parecido entre a palabra francesa e a xudea o levase a esa conclusión, pero o certo é que os kreplach son coma os ravioli italianos, pasta rechea.
Pero hoxe interésanos os doces propios da Coresma, como son as torradas, e as moi nosas chulas que, cando nadan en leite con azucre e canela son, no meu parecer, un gran logro evolutivo nesta materia de panes remollados con leite e ovo e fritidos.
Afeitos a torradas remolladas en leite e pasadas por ovo antes de fritilas, que é o común neste tempo, esquecemos outras especialidades, como as que non van máis que remolladas en ovo, ben remolladas, como as facía miña mai. Ou as que no canto de leite se remollan en viño branco e que deixou documentadas Elvira González-Seco, a muller de Cunqueiro, e cuxa receita forma parte do libro A cociña dos Cunqueiro (Editorial Galaxia).
As chulas tamén son pan, ovos, leite e azucre, pero amañados de forma diferente e coa axuda da canela e o limón, de maneira que se unha torrada parece froito do traballo dunha cociña de aproveitamento do que hai nada casa, as chulas semellan o mesmo pero despois de pasar por mans de cociñeiras expertas e refinadas. Empregando a terminoloxía propia do século que vivimos, as chulas son torradas 2.0. Claro que as chulas non son iguais en todas partes.
Na Mariña amañámolas con pan vello, pero noutras partes de Galicia fanse con fariña e ata con cazaba, calacú como lle chaman en Pontevedra onde lles fan festa. O dicionario da Real Academia Galega non recoñece máis chulas que as feitas con fariña, ovos e leite. E equivócase porque as nosas, con pan no canto de fariña, son tan chulas como calquera outras.
Similares ás nosas chulas son os sapos da Limia, inda que por aló engaden cervexa para que inchen aínda máis. Non lles vai mal o nome, que realmente parecen sapos gordos. Pero para atopalas exactamente iguais ás mariñás temos que ir ata Estremadura, onde reciben o nome de repápalos pero cocíñanse coa nosa mesma receita.
Unha receita que, levo anos dicíndoo, merece estar nas cartas dos restaurantes, así que con gran xúbilo recibín a nova de que, non hai moito, estaban na de O Forno de Tovar, en Lourenzá.
Parabéns ao cociñeiro.
www.cunqueiro.es