Os Satélites e Diverneno abren hoxe os días grandes das festas de Ribadeo

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

Despois do Mercado Pirata e do pregón de Fabián Pérez, a vila convértese, máis ca nunca, en punto de encontro

05 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ribadeo xa está en festas, celebrando a festividade da súa patroa, Santa María do Campo. A vila convértese dende hoxe e ata o domingo en punto de encontro. Pola tradición das festas de setembro e porque dende hoxe vanse suceder os actos festivos, un motivo máis para acudir á vila. Tras os actos previos do Mercado Pirata, a mediados de agosto, e o concorrido pregón do xornalista ribadense Fabián Pérez, o sábado no Cine Teatro, Ribadeo entra hoxe de cheo nos días grandes das festas. Faino celebrando o Día Infantil e coa actuación dunha das orquestras que sempre son garantía de éxito, e que en Ribadeo goza e especial aprecio: Os Satélites.

Os rapaces serán os protagonistas dende a tarde. Ás 16.00 horas haberá teatro para os nenos e as nenas de tres a dez anos. Será a storytime Around the world, da Kids&Us School of English Ribadeo. Ás 16.30 horas comezará Diverneno, todo un referente das festas de Ribadeo, con inchables, festa da escuma e moito máis. Será no parque e no Cantón, e congregará a centos de cativos. No caso de que o tempo non acompañe, os xogos trasladaranse ao pavillón do colexio Gregorio Sanz. E xa pola noite, ás 22.30 horas, haberá verbena amenizada pola orquestra Los Satélites.

Mañá, venres, as orquestras Trébol e Nueva Fuerza serán as encargadas de amenizar a verbena desde as 22.30 horas.

O sábado, día 7, véspera da patroa, bombas de palenque anunciarán esta data pola mañá. Ás 11.30 horas, como teñen por tradición, sairán os cocos e os cabezudos (o outro día que o fan no ano é en San Roque), acompañados polo grupo Amigos da Gaita. Ás 22.30 haberá verbena con Passarela e La Favorita, e ás doce da noite terá lugar a gran sesión de fogos artificiais no peirao.

O día grande das festas patronais de Ribadeo será o domingo 8 de setembro, festividade de Santa María do Campo. A xornada arrincará con potentes bombas de palenque. Ás 12 do mediodía, na igrexa parroquial, será a misa solemne cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida da procesión, que estará acompañada pola Banda Municipal de Música ribadense, que despois ofrecerá un concerto diante do Concello. Xa pola noite as orquestras Palladium e Televisión serán as encargadas de poñer a nota musical na verbena.

E o 9 de setembro será o Día dos Nenos. Durante esa xornada haberá prezos populares nas atraccións das festas.